actos públicos
Ourense en Común agradece a invitación da Unión Deportiva Ourense ao partido de presentación do equipo, pero renuncia á invitación ao palco
10 Agosto, 2015
0
  • O grupo municipal de Ourense en Común asistirá ao partido coma calquera outra veciña, pagando a súa entrada.
  • A renuncia a todo tipo de privilexio está sendo un dos piares da actividade do grupo municipal de Ourense en Común.

 

OURENSE. 10/08/2015.- Ourense en Común agradece a invitación da Unión Deportiva Ourense ao partido de presentación do equipo ante a súa afección, que se disputará o mércores 12 de agosto ante o Pontevedra Club de Fútbol no Estadio do Couto. Non obstante, o grupo municipal de Ourense en Común non pode aceptar a invitación ao palco do estadio debido ao compromiso recollido no Código Ético: renunciar publicamente aos agasallos e privilexios que lles poidan ofrecer pola súa condición.

Renuncia a privilexios e instauración de prácticas sustentables

Esta acción súmase á renuncia xeral e formal que os cargos electos de Ourense en Común fixeron de todos os seus privilexios no Concello, incluída unha rebaixa do 25% dos seus salarios, e na que se incluía a devolución das medallas de prata e o rexeitamento da praza de aparcamento ou o dossier de prensa diario fotocopiado. O grupo municipal de Ourense en Común segue a traballar para instaurar prácticas máis sustentables na actividade municipal, como pode ser no caso das subscricións diarias a prensa, que poderían evitarse a través do uso de ferramentas que permitan traballar dixitalmente e evitar así a xeración diaria de residuos. Tamén, no que respecta á contratación de persoal eventual, Ourense en Común aprobou en asemblea esixir uns requisitos mínimos e eliminar así o privilexio do persoal de confianza, que fronte a calquera outro empregado público, non teñen que cumprir requisito algún para acceder ao posto.

Somos xente do común

Ourense en Común somos xente do común e as persoas que forman o grupo municipal queren, a través das súas accións, facer visible esta idea fundamental. Por iso sempre que acudan a calquera espazo da cidade, farano coma o resto da veciñanza, coma xente do común. No caso do partido de presentación da Unión Deportiva Ourense pagarán a súa entrada e sentaranse co resto da veciñanza, pois a condición de concelleira non elimina a condición de cidadá do común.