Ourense en Común alerta da gravidade de adxudicar a limpeza de colexios a unha empresa corrupta
7 Xuño, 2017
0
• OHL está vencellada á Operación Lezo e foi expedientada por repartirse licitacións nas obras do AVE.
• O PP outorgou á empresa a maior puntuación, malia a ter presentado a peor oferta técnica.
• O grupo esixe unha contratación pública socialmente responsable e con cláusulas estratéxicas que garantan unha xestión pública ética e sustentable.

    Ourense en Común alertaba hoxe da gravidade de que OHL se faga co servizo de limpeza nos colexios da cidade, esixindo ao goberno do Partido Popular en Ourense que “deixen de negociar” este servizo cunha empresa imputada na Operación Lezo e recentemente expedientada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia por repartirse con outras empresas contratos públicos en liñas ferroviarias.

    Ledicia Piñeiro calificou como “total desvergoña e irresponsabilidade” que o equipo de “desgoberno” de Jesús Vázquez “permita a unha empresa corrupta optar a unha contratación co Concello, lembrando que unha moción de Ourense en Común foi aprobada en setembro do pasado ano por unanimidade do pleno, “tamén co voto a favor do PP”,  para que nos contratos se inclúan cláusulas estratéxicas, e para que a contratación pública sexa sustentable e socialmente responsable, “se se seguira un criterio de admisión, esta empresa nin debera estar sobre a mesa”.

    A concelleira lembra os acontecementos vividos o ano pasado polos impagos ás traballadoras deste servizo de limpeza de centros educativos, e do de limpeza de dependencias municipais, e avanza que “pode volver a repetirse” pola irresponsabilidade do goberno, que prima a ponderación económica,promovendo que se empeoren as condicións laborais dos traballadores para rebaixar a oferta”, engadindo que sendo OHL a empresa que presentou a peor oferta técnica, leva a maior puntuación e pode chegar a facerse co contrato”.

    Ourense en Común grupo defende que é preciso “garantir as condicións do emprego ademáis da calidade e eficacia na prestación de servizos e nas compras públicas”.