Ourense en Común apoia as reivindicacións do persoal de Ecourense e pedirá unha auditoría á empresa
26 Xaneiro, 2018
0
• A concesionaria do servizo de recollida de lixo pode estar incumprindo o contrato que tén co Concello de Ourense.
• O alcalde preocúpase máis pola cuestión estética e é o último en escoitar aos traballadores.
• A xestión directa municipal, sen empresas intermediarias, sería “máis eficiente, económica e respectuosa cos dereitos das traballadoras”.

    Tras a xuntanza mantida onte co comité de folga da empresa Ecourense, responsable da recollida do lixo na cidade, Ourense en Común explicaba hoxe que “apoiamos as súas xustas reivindicacións e defenderemos os dereitos laborais destes traballadores”.

    O grupo califica de irresponsable” que o alcalde sexa “o último en interesarse no conflito e escoitar aos traballadores e considera “lamentable que a única inquietude de Jesús Vázquez sexa a cuestión estética en caso de folga”, concluíndo que “é experto en demonizar calquer indicio de mobilización”, en referencia ás manifestacións das traballadoras de Seralia, e “deixa ás claras o seu interese nos dereitos laborais”.

    Martiño X. Vázquez explica que o problema “non é alleo ao Concello”, xa que “hai indicios de que a empresa está incumprindo o prego da concesión”, polo que o seu grupo solicitará “que se analice se o plan de traballo de Ecourense se axusta aos servizos contratados e que se tomen medidas se non é así”.

    Ourense en Común defende a necesidade de considerar recuperar e remunicipalizar este tipo de servizos, xa que “a calidade sería outra se estiveran atendidos directamente polo Concello, tamén nas condicións laborais”, sen empresas intermediarias que “só buscan beneficio”.