Ourense en Común apoiará a reforma do IBI ao aceptar o PP as súas emendas
28 Xullo, 2017
0
•    O grupo convida ao PSOE a apoiar tamén a nova ordenanza, de forma activa ou pasiva.
•    OUeC insta ao goberno a tomar nota deste diálogo, e a seguir o mesmo proceder para avanzar no orzamento municipal, o PXOM e en tantos outros temas.
•    A reforma do IBI entra a próxima semana na súa recta final.

    Previa á última reunión do próximo luns para traballar sobre a nova ordenanza do IBI, antes de que quede pechada para a súa elevación a pleno, Ourense en Común manifestaba hoxe en rolda de prensa que apoiará o texto definitivo “ao aceptar o goberno as numerosas emendas presentadas polo noso grupo”. 

    O voceiro do grupo di sentirse contento pois “malia a ser o grupo con menor representación, sexamos o que maior capacidade de diálogo e emenda presenta”, referíndose, ademais de a esta ordenanza, á Mesa de Mobilidade e o programa Móvete por Ourense, á ordenanza de vivendas de exclusión social e “en toda aquela mesa de debate onde fumos convidados a traballar”, convidando ao Partido Popular a reflexionar e tomar nota” destas mesas de diálogo que “tiñan que ser constantes tamén para avanzar no orzamento municipal, no PXOM e en tantos outros temas”.

    Martiño X. Vázquez enumeraba as oito emendas presentadas por OUeC ao texto, das que “dúas foron rexeitadas, unha transaccionada e o resto aceptadas e integradas.

Rexeitadas: O Partido Popular rexeitou explorar as posibilidades legais de retirar a exención á igrexa católica, negándose incluso a introducir na nova redacción a frase “por imperativo legal”, e reducir a bonificación ás empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria.

Transaccionada: Dende OUeC solicitamos aumentar do 1% ao 3% a bonificación por domiciliación do pago, xa que “a xestión telemática aumenta a dilixencia municipal, evitando colas no servizo de recadación e no rexistro”. A negociación co PP e os técnicos municipais fixo que definitivamente esta bonificación quedara no 2%.

Aprobadas e inseridas no texto:

1º Conseguimos aumentar o período de bonificación para vivendas de protección oficial ata 7 anos.

2º Conseguimos bonificacións para o fomento de enerxías renovables provenientes do sol e levaremos a pleno o próximo venres unha moción para instar a modificar a norma para poder incluír tamén a xeotermia.

3º Conseguimos introducir na nova ordenanza fiscal o concepto de progresividade, de tal modo que no caso das necesarias bonificacións para familia numerosa o referente sexa o Indicador Público da Renda de Efectos Múltiples e non a categoría en si. Así é que na nova proposta consensuada entre Ourense en Común e Partido Popular mantense a bonificación de entre un 50% e 90% segundo a categoría de familia numerosa e a maiores engádese que aquelas familias que non ingresen 1,5 veces o IPREM (750€ aproximadamente) a bonificación será a máxima permitida por lei. “É cuestión de equidade e xustiza, non ten sentido bonificar por igual á familia de Amancio Ortega que a quen ten problemas para chegar a fin de mes“.

4º Conseguimos igualmente bonificar ata o 95% para fomentar o emprego e actividades económicas de especial interese municipal. Trátase de fomentar o emprendemento e o aumento do emprego naqueles sectores estratéxicos para Ourense nos próximos anos e nos que podemos ser referentes.

    O voceiro de Ourense en Común concluía que “non é a reforma fiscal ideal pero é mellor que a existente, por iso traballamos para mellorala e chegar a acordos”,  convidando asemade ao PSOE a sumarse ao consenso, de forma activa ou pasiva, e “traballar en prol do ben común”.