Ourense en Común aposta pola remunicipalización de servizos como a auga ou a recollida de lixo como garante dunha xestión responsable e sustentable
18 Maio, 2015
0
  • “A xestion pública da auga é máis barata e eficiente. A súa privatización só lle fixo ben aos corruptos”, asegurou Ángeles Faraldo, candidata de OUeC.
  • “O sistema Sogama non funciona e está a hipotecar o noso futuro”, afirmou María Durán, candidata de OUeC. “Temos que pór en valor o 50% do noso lixo orgánico para compostaxe”.
  • Incentivar a produción local e promover redes curtas de distribución fronte ao consumo masivo de importacións non só é coherente con este legado, senón que fortalece a economía local, crea emprego e conserva a paisaxe e a biodiversidade.

OURENSE. 13/05/15.– Ourense en Común continúa esta semana cos actos da campaña electoral cos Encontro de Barrio. Hoxe luns o acto desenvolveuse na praza da Lexión, no Barrio da Carballeira. Alí as candidatas de de Ourense en Común para estas Municipais 2015, Xosé Dorrío, María Durán, Ánxeles Faraldo e Montse Valencia, número catro da candidatura, mantiveron un diálogo cas veciñas do barrio e escoitaron as súas inquedanzas. Dinamizando o acto estivo o candidato Carlos García e como invitado o encontro contou con Victor Barro, activista no ecoloxismo ourensán dende hai 15 anos.

As candidatas de OUeC trasladáronlles ás veciñas da Carballeira as propostas recollidas no Programa Participativo en materia de Sustentabilidade: xestión da auga, residuos e enerxía.

 

Sen auga non hai vida

Desde a Nova Cultura da Auga, entendemos este recurso como ben finito indispensable para a vida que precisa ser xestionado con eficiencia e solidariedade. Garantir o acceso universal á auga como dereito básico humano obríganos a posicionarnos fronte á mercantilización da que vén sendo obxecto nos últimos anos, con incremento nas tarifas, falta de responsabilidade no impacto ambiental, escandalosas marxes de beneficios e mesmo cortes na subministración.

Ao igual que outros servizos municipais básicos, OueC apela á remunicipalización da auga como garante de xestión responsable. Mentres non sexa posible, o Concello deberá protexer a titularidade pública do recurso, exercer unha vixilancia estrita e transparente da concesionaria e poñer o foco na demanda, garantindo unha dotación mínima e de calidade por persoa. A xestion pública da auga é máis barata e eficiente. A súa privatización só lle fixo ben aos corruptos, asegurou Ángeles Faraldo.

Coa construción da nova depuradora xa en marcha, velaremos por unha correcta execución con impacto ambiental mínimo. O noso compromiso coa auga o é tamén cos seus ecosistemas; en Ourense o dos ríos, auténticas arterias do territorio.

 

Reducir, descentralizar, compostar

A xestión do lixo é unha das competencias ambientais de maior impacto nun Concello e máis susceptible de xestión directa. Así a todo, a área continúa a estar en mans privadas, pagar e esquecer o problema. Ata que se converte en algo insostible. “O sistema Sogama non funciona e está a hipotecar o noso futuro”, afirmou María Durán. “Temos que pór en valor o 50% do noso lixo orgánico para compostaxe”, engadiu.

É posible recobrar progresivamente as competencias na xestión do lixo comezando polas estratexias de recollida: sistema de retorno de envases e recollida selectiva en orixe. A recuperación da planta de compostaxe municipal pode dar solución ao lixo orgánico, o que máis pesa na nosa bolsa. E hai que actuar na orixe do problema, concienciando na redución de residuos e a reutilización. “Comprometernos co obxectivo residuos cero.

 

Somos o que comemos

As políticas alimentarias apenas tiveron oco nos programas electorais. Sorprende que nunca se levase ao debate público o que comemos cada día. O control sobre a produción e consumo de alimentos non só é garantía de saúde: ten consecuencias no medio e na economía.

Cunha gran superficie de chan municipal aínda verde e rural, Ourense é un concello privilexiado para construír a súa soberanóa alimentaria. Aínda existe cultura do alimento de proximidade, e prácticas comerciais, coma o rianxo, que son parte indiscutible do noso patrimonio inmaterial.

Incentivar a produción local e promover redes curtas de distribución fronte ao consumo masivo de importacións non só é coherente con este legado, senón que fortalece a economía local, crea emprego e conserva a paisaxe e a biodiversidade. Mudar hábitos para mudar a realidade. OueC quere para Ourense un sistema propio de produción e consumo agroecolóxico e de proximidade, libre de transxénicos e rico en oportunidades para o noso perímetro rural.

Neste sentido, María Durán manifestou que “o Concello ten que ser mediador entre as propietarias das terras e as persoas dispostas a cultivalas”.

 

Espazos verdes, garantía dun futuro mellor

Urxe protexer, regulamento en man, os espazos naturais que aínda conservamos, bosques, ribeiras fluviais, do urbanismo descontrolado. Ou mudar o concepto de zonas verdes urbanas, revalorizándoas como espazos de encontro social e co medio, que fomenten modelos de ocio saudable. Ou mesmo recuperar para a cidadanía lugares que non se souberon incorporaren ao tecido urbano, coma son os camiños abandonados ou grandes áreas do anel rururbán. Neste sentido Victor Barro sinalou “os espazos verdes garanten aire puro e o lugar onde atoparnos e relacionarnos como sociedade”.

Pero a estratexia non pode pasar só por actuar no territorio, cómpre avanzar tamén na transformación social. OueC cre na Educación Ambiental Permanente como poderosa ferramenta de cambio. Hai que educar no uso responsable dos recursos pero tamén no coñecemento da paisaxe e, sobre todo, no respecto aos seres vivos, condenando calquera clase de maltrato animal e preservando a biodiversidade.

Carlos García, candidata número 11 de OUeC subliñou que Ourense ten un gran potencial para xerar riqueza e asegurar un futuro próspero para as vindeiras xeracións.

“Hai quen di que o concello non pode crear emprego. Nós apostamos por apoio á economía social, ás cooperativas, o emprego público”, dixo Xosé Dorrío, candidata de OUeC.