Ourense en Común apremia a comparecer ao concelleiro de Medio Ambiente por presunto caso de nepotismo
20 Abril, 2016
0
• A emenda aprobada no pleno de abril obriga a comparecer a José Araújo antes de que remate o mes.
• Un sobriño do concelleiro disfrutou dun contrato na empresa concesionaria do servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos sólidos e urbanos do Concello.

Tras o pasado pleno ordinario celebrado o 1 de abril, o concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente D. José Araújo Fernández, ten pendente comparecer ante a corporación municipal, co fin de dar explicacións sobre o presunto caso de nepotismo en deferencia co seu sobriño político, e a súa contratación na empresa Ecourense.

O sobriño de Araújo foi contratado, primeiro como persoal temporal e despois como fixo, na empresa concesionaria do servizo de limpeza, recollida e transporte de residuos sólidos e urbanos do Concello, que aínda que privada, depende da autorización da concellería de Medio Ambiente que o implicado dirixe, para executar calquer variación nos postos e contratos da plantilla.

Os feitos foron expostos nunha moción inicial de DO, emendada por Ourense en Común para solicitar unha comparecencia do concelleiro co obxectivo de esclarecer o acontecido.

Nesta comparecencia, José Araújo deberá responder ás preguntas que teñan a ben realizar calquera dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal e terá a posibilidade de dar explicacións, aportando datos e documentación sobre os feitos.

A comparecencia solicitada levaba data de caducidade, cun plazo dun mes desde que foi aprobada a emenda, polo que debería producirse antes de rematar o mes de abril. De non ser así, e tal como se aprobou en pleno, o alcalde debería cesar de inmediato ao concelleiro.