Ourense en Común asina os Principios Básicos das Mareas En Común
28 Abril, 2016
0
• A plataforma municipalista aposta por un modelo de confluencia aberto, transparente e construído desde abaixo, como o que iniciará a Marea Viva do vindeiro 7 de maio
• Así poderá xurdir unha candidatura con forza e ilusión suficiente para rescatar ás institucións galegas das políticas antisociais do PP e devolverllas á xente

A asemblea de Ourense en Común acordou asinar os Principios Básicos das Mareas en Común, e apostar por un modelo de confluencia construído desde abaixo, no que teñan cabida todas as forzas do cambio e no que se exerza unha verdadeira democracia. Por iso, participaremos na Marea Viva que, o vindeiro 7 de maio, iniciará os traballos para conseguir a unión de persoas, partidos, organizacións e movementos que desexen levar ás institucións galegas unhas políticas pensadas para a xente.

Ourense en Común traballa neste proceso, formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, que ten como obxectivo facilitar a construción dunha alternativa de cambio con posibilidades reais de gañar as próximas eleccións autonómicas, con forza e ilusión para devolverlle as institucións do país á xente común.

Así, cun protocolo de traballo no que todas teñen voz, a Marea Viva estará aberta a todas as persoas que asinen os Principios Básicos, e servirá para deseñar un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Os Principios Básicos de Mareas en Común son unha proposta que condensa os fíos de unión entre as forzas do cambio e calquera persoa ou organización que se sinta representada neles pode asinalos a través da web: http://mareasencomun.gal/asina/

Ourense en Común súmase a este proceso porque é tempo de que a xente ocupe o espazo que lle corresponde na política institucional, porque abonda de gobernar para as contas de resultados das grandes empresas, porque é hora de traballar con honestidade para deter a privatización da sanidade e o deterioro da educación pública. É o momento de avanzar en común, polo que animamos á cidadanía a tomar parte no cambio e unirse para facelo.