Ourense en Común avanza coa vista posta na candidatura para as municipais 2019
27 Xaneiro, 2018
0
• O grupo traballa coa intención de ter no inicio do próximo curso político “unha lista para cambiar o goberno da cidade nas próximas eleccións”.
• A organización acordou xa as diferentes áreas que deberan vertebrar o Concello desde a súa óptica, para “que a construcción do Ourense que queremos sexa cousa de toda a cidadanía, nun proceso vivo, transparente, xusto e sustentable no tempo”.
• Máis de medio centenar de veciñas participaron na xornada anual Repensar OUeC.
• Oito horas de reflexión conxunta ocuparon o encontro de traballo que se celebraba por terceiro ano consecutivo nestas datas.

    Por terceiro ano consecutivo nestas datas, Ourense en Común celebraba este sábado a xornada RePensar OUeC, na que a organización avaliou o estado do proceso municipalista, e comezou a trazar a folla de ruta cara ao horizonte das municipais de 2019.

    A asemblea acordou “a estrutura óptima dun goberno de cambio para Ourense”, establecendo as áreas que deberían articular a organización do Concello: participación e transparencia, xestión económica e orzamentos participativos, xustiza social, territorio, desenvolvemento sostible e benestar animal, desenvolvemento local e termalismo, igualdade e xuventude, ben común, saúde pública, xestión municipal, seguridade cidadá e recursos.

    O grupo municipalista constituirá nos próximos días o Comité Electoral responsable de coordinar a presentación de candidaturas para a cabeza de lista e as diferentes áreas de goberno, co obxetivo de ter a cabeza de lista no mes de marzo e presentar a súa proposta  de equipo de goberno ao comezo do vindeiro curso político.

    Ao longo das oito horas de traballo, máis de medio centenar de veciñas participaron no encontro celebrado no Espazo en Común das Burgas, no que en quendas de intervención abertas, as asistentes aportaron as súas inquedanzas e propostas para optimizar o traballo  e o futuro da organización.

    O grupo mantén así a súa liña de traballo participativa e defende a necesidade de procurar solucións para mudar as políticas municipais, xenerando un movemento de cambio real, que sexa quen de gañar Ourense en 2019 e facer fronte á ineficacia e á parálise do actual equipo de goberno, para que a institución poña de verdade algún día os seus recursos ao servizo do ben común”.