Ourense en Común buscará o apoio do pleno para acoller na cidade a persoas refuxiadas
26 Setembro, 2017
0
•   O goberno español só acolleu a 2.000 das 17.000 persoas comprometidas en 2015 por Mariano Rajoy.
•   A vontade da cidadanía está moi por enriba da de quen goberna: o 85% da cidadanía do Estado español e o 65% da cidadanía europea está a favor de axudar ás persoas refuxiadas segundo datos do Eurobarómetro.

    Ourense en Común presentará no vindeiro pleno unha moción dirixida ao apoio a persoas migrantes e refuxiadas, manifestando “a nosa solidariedade cos milleiros de persoas que fuxen das guerras, a explotación e a fame”.

    O grupo quere denunciar con esta moción a peor crise de persoas desprazadas desde a II Guerra Mundial mentres “os gobernos europeos actúan dun xeito inmoral e inhumano, pechando fronteiras e fracasasando nos plans de readmisión, poñendo en perigo millóns de vidas”.

    Rematado hoxe o prazo fixado, España só acolleu a 1.983 persoas procedentes das cotas de reubicación e reasentamento das 17.337 persoas refuxiadas ás que se comprometera, ao tempo que o espazo europeo de libre circulación esborrállase e non deixan de medrar os discursos xenófobos en toda a Unión Europea.

    Ourense en Común pedirá que o Concello se adhira á rede de cidades refuxio como Cidade Acolledora de Refuxiados, poñendo a disposición instalacións, e articulando a través dos Servizos Sociais a colaboración necesaria coas entidades e institucións interesadas para a recepción e acollida inmediata de persoas que precisen refuxio.

    O grupo quere tamén que desde o local, se inste ao goberno de España a asumir os compromisos de acollemento, e á UE que habilite vías legais e seguras que garantan o acceso ao dereito de asilo, cumprindo os programas de reasentamento, activando políticas de concesión de visados humanitarios e poñendo en marcha mecanismos non militarizados de xestión dos fluxos migratorios en Europa.

Imaxe: Jodi Hilton