Ourense en Común centra nos barrios as mocións do pleno de febreiro
29 Xaneiro, 2018
0
• O grupo solicita a posta en valor da historia do barrio da Ponte, coa creación dun “Museo de Canedo” no que poidan conservarse os restos do extinto Concello de Canedo.
• Unha moción defende a descentralización dos servizos municipais, co fin de “ampliar a cobertura nos barrios e a contorna rural”.
• Urxe unha nova ordenanza de venda ambulante, “que permita a continuidade da feira do 21, e favoreza outras novas feiras nos diferentes barrios do termo municipal”.
• O grupo comeza este sábado na Ponte a iniciativa “A voz do barrio”, que recollerá a pé de rúa nos próximos meses as opinións da veciñanza.

    Ourense en Común porá o foco nos barrios no pleno do próximo venres, con dúas mocións nas que A Ponte e o Vinteún cobrarán especial protagonismo, con reivindicacións extensibles a todos os barrios da cidade”.

    A recente retirada da tapa de sumidoiro que aínda conservaba na Ponte a lenda “Alcantarillado: Concello de Canedo”, levou ao grupo a presentar unha moción, na que solicita o inventariado dos restos materiais e inmateriais que aínda perduran do extinto concello, poñéndoos en valor co deseño dun “Museo de Canedo”, que “conserve a memoria e o sentimento que pervive na psique pontina, e é que Canedo existe”.

    Ourense en Común defende ademáis na moción a “necesidade avanzar na cohesión entre os diferentes barrios da cidade”, e promove a elaboración dun programa de descentralización dos servizos municipais, “mellorando o nivel de cobertura sen que as veciñas teñan que desplazarse ao centro”, e propoñen asemade actos simbólicos como a “celebración de plenos nos diferentes barrios, con participación directa da veciñanza”.

    Outra das mocións do grupo defenderá a urxente necesidade de actualización da Ordenanza municipal de venda ambulante do Concello, co fin de “retirar calquera impedimento legal para que poidan celebrarse novas feiras no termo municipal”; unha necesidade admitida recentemente pola edil responsable de comercio, Flora Moure, coñecedora do malestar veciñal despois de denegarse a petición da Asociación de Comerciantes Empresarios Río Mao “Comercio do 21” para dar continuidade á Feira do Vinteún, recuperada o 21 de outubro, con grande éxito de público e vendas, pero frustrada por unha ordenanza “de hai máis de unha década que só contempla como mercados periódicos as feiras do 7, 17 e 26, o mercado de antigüidades e a venda de polbo.

    Na mesma liña de traballo sobre os barrios, e para coñecer de perto o pulso de cada un, Ourense en Común retomará este sábado as accións de rúa que xa celebrara en 2015, e visitará o barrio da Ponte, facilitando a participación activa da veciñanza,cedéndolles a palabra para comunicar, denunciar, aconsellar, e compartir as súas opinión acerca do espazo da cidade onde habitan”.