Ourense en Común chama a participar a En Marea na confluencia de todas as forzas do país
3 Maio, 2016
0
• Mediante unha carta, Ourense en Común tende a En Marea unha liña para o diálogo aberto de cara as vindeiras eleccións
• “Galiza precisa un cambio político e está nas nosas mans ilusionar á poboación galega cun proceso aberto, horizontal, transparente e participado”

A través dunha carta dirixida a En Marea, a Asemblea de Ourense en Común, reunida o pasado 30 de abril, quixo felicitar á organización polo traballo feito en Madrid até agora, e tendeu unha liña para o diálogo aberto de cara ás vindeiras eleccións.

Ourense en Común instou a En Marea formalmente con esta misiva a traballar de cara á confluencia das Mareas en Común, no proceso constituínte coñecido como ‘MareaViva’; un proceso no que Ourense en Común está participando activamente e que na actualidade está inmerso nunha fase de apertura que garanta a construción dun proxecto realmente horizontal e participativo no noso país.

Dende Ourense en Común apuntan a que “o único xeito de que diferentes colectivos se poñan de acordo e poidan superar as súas mínimas diferenzas, é a través do diálogo”, polo que convidou a En Marea a participar do proceso, de cara a abrirse á adscrición individual de cada galega que así o considere e á confluencia de tódalas forzas organizadas do país. “Galiza precisa un cambio político e está nas nosas mans ilusionar á poboación galega cun proceso aberto, horizontal, transparente e participado.”

Ambas organizacións reuniranse previsiblemente nos próximos días para poñer en común as súas visións sobre o momento político actual.