Ourense en Común chama a un novo impulso confluínte cara ás municipais 2019
18 Maio, 2017
0
•   O grupo interpela a organizacións políticas e sociais a confluir e dar forma xuntas á candidatura e ao programa de 2019.
•   A plataforma cidadá conta xa co apoio de Podemos, Esquerda Unida, Equo, Espazo Ecosocialista Galego e Demos+.
•   Participación, transparencia e horizontalidade tómanse como pés de apoio para a necesaria rexeneración política en Ourense.

    Logo de reafirmar o apoio de Podemos, Esquerda Unida, Equo, Espazo Ecosocialista Galego e Demos+ nos últimos meses, baixo o lema Un novo impulso”, Ourense en Común vén de abrir unha nova fase no proceso de confluencia co horizonte das municipais de 2019.

    Montse Valencia, asesora do grupo institucional OueC, e Martiño Ramos, do grupo de traballo de apertura, facían hoxe público o manifesto de chamamento, co que Ourense en Común buscará ampliar a súa rede, nunha “suma fraterna do maior número de entidades, colectivos, activistas, partidos, asociacións e veciñas e veciños, para continuar o traballo encetado en 2015, e sumar esforzos co obxectivo colectivo de “transformar o xeito de facer política e dar fin á era do caciquismo, o nepotismo e as políticas ao servizo dos beneficios privados”.

    A través dun manifesto presentado esta mañá, o grupo chama a todas aquelas asociacións, partidos e colectivos con actividade no concello de Ourense, a “tender a man con xenerosidade e a se encontrar novamentepara dar forma á candidatura e ao programa de 2019.

    O grupo de traballo de apertura da formación, habilitou un correo electrónico, ola@ourenseencomun.info, no que se pon á disposición de todos os colectivos e persoas que se sintan interpeladas, para explicar o proxecto, aclarar posíbeis dúbidas e establecer vías de comunicación. “É hora de irmandarnos, de ampliar a confianza mútua, e procurar xuntas, a través da participación, a horizontalidade e a transparencia, un novo futuro, digno, xusto e democrático para este Concello e as súas veciñas”.