Ourense en Común chama ás mulleres a secundar a folga feminista do 8 de marzo
23 Febreiro, 2018
0
• O grupo presentou unha moción conxunta co PSOE para que o Concello apoie a mobilización.
• Ledicia Piñeiro: “O 8M imos dicir: movede este mundo sen a forza de traballo das mulleres“.
• A folga de mulleres persegue mudar o actual modelo patriarcal a un mundo de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia.

    Ledicia Piñeiro, concelleira de Ourense en Común, xunto coa deputada de En Marea pola provincia de Ourense, Ánxeles Cuña, facían esta mañá un chamamento ás mulleres ourensás para secundar a folga do 8 de marzo, xa que “temos o dereito e imos a facelo. As mulleres diremos: a ver como movedes o mundo sen a nosa forza de traballo. Sen os nosos coidados, sen as nosas ferramentas, sen as nosas mans, sen os nosos brazos, sen as nosas cabezas.

    Ledicia Piñeiro explicaba que aínda que o feminismo e a cuestión de xénero “está moi na boca de todas, pero queda moito por pelexar”. A edil referíase como unha pequena conquista” a admisión a trámite da Lei pola igualdade retributiva aprobada onte, “froito de moito traballo e grazas a loitas como a que imos ter o 8 de marzo”.

    A concelleira mencionaba as agresións sexuais, o feminicidio, a mentira da conciliación, as desigualdades salariais, ou a invisibilidade das mulleres nos espazos de representación pública, para concluír que “hai moitos motivos que nos interpelan a secundar esta mobilización”.

    Ourense en Común levará ao pleno de marzo unha moción, presentada conxuntamente co grupo socialista, para que desde o Concello se apoie a mobilización, incluíndo tamén nos acordos a petición de elaborar un informe sobre a situación dos traballadores e traballadoras municipais, que inclúa medidas para eliminar calquera discriminación de xénero, e para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.