Ourense en Común consolídase como o espazo político de confluencia para as municipais de 2019
24 Abril, 2017
0
•    Equo, Espazo Ecosocialista Galego e Demos+ confirman o seu respaldo a Ourense en Común, comprometéndose a participar na elaboración dos documentos marco para a candidatura das eleccións municipais de 2019.
•    Esquerda Unida e o Consello Cidadán de Podemos Ourense amosaron anterioremente a súa disposición para fortalecer este espazo de confluencia.
•    Ourense en Común celebraba o pasado sábado un faladoiro no que se valoraron as posibilidades e metodoloxías para abrir o proceso de confluencia a novos axentes políticos e sociais, partidos e cidadanía.

    O Espazo en Común das Burgas acolleu nas últimas semanas varias reunións coas que o GT Apertura de Ourense en Común pretendía incentivar a participación das organizacións políticas que manifestaron o seu apoio á candidatura de confluencia que acadaría tres edís nas eleccións municipais en maio de 2015. O obxectivo, atendendo á folla de ruta da asemblea anual RePensar OUeC, era reforzar o espazo político de cara a 2019, tecendo alianzas nunha confluencia plural e forte “que poida aglutinar ao maior número de sensibilidades, xerando un movemento de cambio real que sexa quen de recuperar as institucións para as persoas”, como xa aconteceu no ano 2015 noutras cidades do país, como Compostela e Coruña, ou do estado, como Madrid e Barcelona.

    Despois de extraer o compromiso do Consello Cidadán de Podemos Ourense primeiro, para “participar de forma activa na elaboración dos documentos marco para a candidatura a 2019”, e de representantes de Esquerda Unida despois, para “fortalecer estes espazos de unidade popular”, era agora a quenda doutros grupos como Equo, Espazo Ecosocialista Galego e Demos+.

    O partido político Demos+, xurdido en 2013 como movemento en defensa duns servizos públicos, universais e de calidade, a rexeneración democrática e contra a corrupción, recoñecía na reunión sentirse “plenamente identificado co proceder de Ourense en Común nestes case dous anos de existencia” ao tempo que non contemplaba “outro escenario diferente ao da confluencia para as próximas eleccións municipais”, afirma a representante do partido en Ourense, Maravillas Calviño.

    Na mesma liña expresábanse os representantes de Equo Galicia en Ourense, Emilio Padrón e Idoia de Luxán, apostando por “ensanchar aínda máis a base de persoas que apoian o espazo político e as ferramentas de participación na procura de asentar os principios fundacionais do proceso: xustiza social, igualdade de xénero e sustentabilidade”.

    A reunión mantida con Espazo Ecosocialista Galego sería o último destes encontros cos que se pretende “incentivar a participación e definir de forma conxunta unha folla de ruta de cara á vindeira cita electoral de 2019”, segundo Montse Malvar e Javier Octavio de Toledo integrantes do GT Apertura de Ourense en Común.

    Espazo Ecosocialista Galego aposta por afondar aínda máis na fenda da rexeneración política materializada en primeiro lugar no 15M e despois na primavera democrática de 2015. “Nós acreditamos no potencial das mareas municipalistas. Así é que o asemblearismo e o municipalismo deben ser a base deste cambio de paradigma e fuxir de lóxicas partidarias ou lobbys de poder”, afirma Ánxeles Faraldo, que xunto con Silvia Lorenzo representaban Espazo Ecosocialista na reunión con Ourense en Común.