Ourense en Común convida aos ourensáns a participar da Marea Constituínte para as autonómicas
28 Xullo, 2016
0
  • O acto celebrarase o sábado a partir das 10:30 no Auditorio do Mar de Vigo e calquera persoa poderá asistir e decidir co seu voto
  • Ourense en Común celebra que a participación, a transparencia e o compromiso ético sexan os guieiros deste novo espazo de confluencia para as autonómicas

A denominada Marea Constituínte, que se celebra este sábado no Auditorio do Mar de Vigo, contando cos alcaldes de A Coruña, Compostela e Ferrol como facilitadores do proceso, comezará a dar forma a unha candidatura de confluencia para ateigar as urnas de ilusión e de cambio co fin de desaloxar ao PP e ás súas políticas austericidas do goberno da Xunta de Galicia.

Ourense en Común alégrase de que o encontro deste sábado represente unha aposta firme pola confluencia, baixo principios de adscrición individual, seguindo un código ético e avalado xa pola participación de máis de 2000 asinantes do chamado manifesto dos 3 alcaldes na defensa do país.

Impulsar unha iniciativa política que represente a vontade de mudanza nas próximas eleccións galegas será o cometido deste acto no Mar de Vigo, no que calquera persoa pode tomar parte, sendo o único requirimento asinar o manifesto na web http://mareaconstituinte.gal/

Ourense en Común fai un chamamento aberto para que a cidadanía de Ourense se achegue a participar do encontro a título individual, para colaborar na construción desta alternativa chamada a transformar o país e quitar ao Partido Popular da Xunta de Galicia.

A forza da cidadanía organizada en defensa da maioría social, que en maio de 2015 irrompía no panorama electoral galego como motor do cambio social, continuando co resultado electoral obtido por En Marea nas eleccións xerais, foi un éxito colectivo que demostrou a necesidade dunha confluencia a nivel galego e a existencia dunha demanda social para a mesma.

O encontro en Vigo sustentarase dende a diversidade e a pluralidade de todas as voces ao servizo da maioría social agredida polas políticas do PP, contando coa experiencia e o éxito xa obtidos, dende o 15-M e Nunca Máis até as candidaturas municipalistas de unidade popular, e aproveitando tamén a capacidade de traballo que centos de persoas están desenvolvendo ao longo do país, no político, no social e no institucional.

A Marea Constituínte traballará co obxectivo de acordar por consenso un calendario para a confección dunha candidatura e un programa co que se presentar ás eleccións autonómicas deste ano, co fin de gañar a Xunta e poñer en marcha as políticas que fagan, por fin, de Galicia un país próspero e xusto.