Ourense en Común convoca a toda a cidadanía a presentar emendas á ordenanza municipal sobre tenza de animais potencialmente perigosos
25 Setembro, 2015
0

O grupo municipal Ourense en Común abre varios foros de debate en
internet e convoca a todas as persoas interesadas na materia a asistir
a unha xuntanza monográfica o próximo mércores.

A Comisión de Pleno celebrada hoxe no Concello de Ourense abre un
prazo para que os grupos municipais presenten emendas á nova ordenanza 
municipal sobre tenza de animais perigosos do Concello de Ourense 
redactada polo actual equipo de goberno. “Dende Ourense en Común, a 
priori, vemos con bos ollos este tipo de ordenanzas. Con todo debemos 
insistir en que nestas debe primar a socialización e información da 
singularidade deste tipo de animais fronte a sanción”.

“Calquera regulamentación debe estar baseada na realidade social, 
non poden ser inmóbiles senón permeables”, esta é a razón fundamental
pola que dende Ourense en Común pretenden abrir á cidadanía o proceso
de emendas ao texto presentado polo goberno popular. “Estamos perante 
unha ordenanza redactada en 2015 pero construída sobre normas 
obsoletas elaboradas fai máis de dúas décadas”.

Co obxectivo de facilitar o acceso ao texto e facer lexible o mesmo
ás veciñas do municipio, Ourense en Común ten habilitado dous foros de 
debate en internet e recibirá emendas tamén no seu correo-e 
ourenseencomun@ourense.gal. Asemade fai un chamamento público a 
participar na xornada monográfica de debate que se celebrará o próximo 
mércores ás 20h nas Burgas.

O texto resultante, con todas as emendas recollidas, será presentado
por rexistro e integramente en galego. Así é que dende Ourense en
Común afirman estar “moi sorprendidos con que este tipo de documentos 
sexan presentados en castelán obviando a normativa vixente que designa 
o galego como lingua oficial das Entidades locais”.

 

Descarga o texto do borrador da ordenanza en formato pdf

Participa no debate en redes