Ourense en Común convoca un debate aberto e público sobre a ordenanza para a xestión de Vivendas de emerxencia social
29 Febreiro, 2016
0

O grupo municipal Ourense en Común convoca, para o mércores día 02 de marzo ás 19.30 un debate no “Espazo en Común” (Burgas, 8), para recoller propostas á ordenanza sobre a xestión de Vivendas de emerxencia social.

Seguindo co carácter participativo de Ourense en Común, convocan un debate no que pretenden recoller propostas de entidades sociais, asociacións e persoas interesadas e afectadas na xestión social da Vivenda.“Dende Ourense en Común defendemos a intelixencia colectiva e a participación cidadá como a mellor forma de crear documentos marco para o bo funcionamento do Concello de Ourense, con moito máis motivo cando se está a falar de dereitos básicos”.

Teñen ata o día 9 de Marzo para facer aportacións ao borrador, presentado polo grupo de goberno e non queren deixar de contar con voces da cidadanía para facelo.

Dende OUeC defenden que mediante debates abertos e públicos, xeránse mellores  políticas e imprégnase de máis democracia, tanto a xestión como a toma de decisións. “É a definición básica de participación cidadá -xerar espazos onde transmitir opinións que teñan transcendencia na toma de decisións-”.