Ourense en Común decide no seu Código de Boa Gobernanza que non realizará pactos para formar goberno con ningunha formación política
18 Maio, 2015
0

  • “O código de Boa Gobernanza establece os principios dos que Ourense en Común se fornece para a posta en práctica do noso modelo de goberno. A boa gobernanza, é a gobernanza para o Ben Común”, destacou Mavi Calviño, candidata de OUeC.
  • Constituirase un Grupo de Traballo Institucional (GTI) que estará composto por todas as persoas de Ourense en Común que sexan elexidas e estean dentro do Concello. Terá que render contas unha vez ao mes á Asemblea en Común.
  • Crearanse a Concellería de Participación e o Consello da Cidadanía, que serán os órganos máximos de participación de todas as veciñas.
  • Ourense en Común pode gobernar en minoría e dar apoios puntuais a iniciativas doutras organizacións no Concello de Ourense. Esta decisión terá que ser referendada pola Asemblea en Común.

OURENSE. 13/05/15.– Ourense en Común aprobou o pasado venres en asemblea o seu Código de Boa gobernanza que acaba coas ambigüidades sobre o noso compromiso coa cidadanía en canto á gobernanza no Concello de Ourense.

As candidatas de OUeC, Mavi Calviño, número seis da candidatura, e Emilio Rodríguez Tilve, número nove, deron esta mañá unha rolda de prensa para explicar ante os medios de comunicación este importante documento que establece as bases do xeito en que OueC quere gobernar. “O código de Boa Gobernanza establece os principios dos que Ourense en Común se fornece para a posta en práctica do noso modelo de goberno, sinalou Mavi Calviño, “xunto co Manifesto de OUeC, a carta de compromiso, Código de Ética Política, e como non, co noso Programa Participativo sentan as bases do que é o noso modelo de política e o noso xeito de facer política. A boa gobernanza, é a gobernanza para o Ben Común”, destacou. “Son persoas traballando xuntas debatendo, discutindo para chegar a decisións e acordos, dende a autonomía e o respecto para procurar o ben colectivo”.

Este Código de Boa Gobernanza rexe tanto para o proceso cidadán de OUeC como para as nosas representantes dentro da institución. E regula os comportamentos das persoas que están na corporación municipal. “É a nosa maior arma contra a corrupción e contra a competencia egoísta”, afirmou Mavi Calviño.

 

GTI e Concellería de Participación

Constituirase un Grupo de Traballo Institucional (GTI) que estará composto por todas as persoas de Ourense en Común que sexan elexidas e estean dentro do Concello. Rexerase polas mesmas normas que calquera outro Grupo de Traballo, entra elas nomearán a unha persoa que será a voceira de Ourensen Común, pero que non será a única cabeza visible. “Queremos que quede claro que este GTI non vai ser a dirección política de OUeC, senón que, como todos os grupos, vai estar sometido ás decisión da nosa Asemblea en Común. E terá a obriga cada mes de render contas nunha asemblea específica na que se dará un informe da súa actividade e se tomarán decisións estratéxicas”, explicou Mavi Calviño.

En Ourense en Común facemos unha aposta decidida pola participación das veciñas nas decisións que o Concello toma e que as afecta directamente. “Pero isto non é unha promesa electoral, é unha maneira de facer as cousas diferente, que nos define dende o inicio do proceso. Neste Código de Boa Gobernanza reiteramos a nosa intención de crear unha Concellería de Participación que vele e fomente esta implicación”, explicou Emilio rodríguez Tilve.

Crearemos un Consello da Cidadanía que será o órgano máximo de participación de todas as veciñas. Ademais, haberá consellos cidadáns específicos de cada área, como o Consello da Mocidade ou o Consello da Mobilidade e tamén, Consellos de cada Barrio. “Queremos incorporar ao día a día do Concello as opinións de todas, de xeito progresivo, até que estes órganos teñan unha capacidade de decisión total. Para nós a democracia non é votar cada catro anos, dixo Rodríguez Tilve.

 

Non aos pactos para formar goberno

Ourense en Común non realizará pactos para formar goberno con ningunha formación política, afirmou Emilio Rodríguez Tilve, número nove da nosa candidatura veciñal. “Facemos unha proposta de goberno e de programa totalmente diferente ás outras organizacións políticas e no que a participación é a nosa esencia, pois levamos un ano practicándoa, non quince días. Non se dan neste momento as coincidencias necesarias tanto nos métodos de toma de decisións coma nas propostas programáticas para a cidade.”

Neste sentido, o número nove da candidatura cidadá Ourense en Común xustificou a importancia da decisión de non facer pactos de goberno. “Temos mecanismos internos e públicos de control sobre as noas representantes, de gobernar conxuntamente con outras formacións Ourense en Común perdería ese control sobre as concelleiras dese goberno e a participación veciñal non quedaría garantida”, indicou Emilio Rodríguez Tilve. Isto non significa que Ourense en Común non poida formar goberno en minoría ou dar apoios puntuais a iniciativas doutras organizacións no Concello de Ourense. Esta decisión tomarase en base aos nosos principios, documentos e ao Programa Participativo e, en todo caso, terá que ser referendada pola Asemblea en Común, engadiu.

 

Sinatura dos Códicos Ético e de Boa Gobernanza

Ao remate da rolda de prensa as cadidatas de Ourense en Común asinaron diante da Casa do Concello este Código de Boa Gobernanza e o Código Ético co que se comprometen a exercer o seu labor dentro da institución e que son garantes para que a cidadanía poidamos ter o control, toas as veciñas e veciños de Ourense, e fomenten esa implicación e participación que son a esencia deste proceso cidadán de confluencia e traballo en común. Entre os asinantes que puideron achegarse hoxe á mañá e participar nesta sintatura simbólica estaba o noso cabeza de lista, Miguel Doval, a número catro Montse Valencia, a número oito Monte Malvar, ou o número sete Javier Octavio de Toledo. Pero todas as candidatas de Ourense en Común, dende a última ata a primeria asinaron e comparten estes principios elaborados en común e de xeito participativo. Isto é o que diferencia a Ourense en Común das formacións políticas tradicionais, a Participación, a Transparencia e a Horizontalidade na toma de decisións. Para gobernar obedecendo.

Por un Concello para as persoas!