Ourense en Común defenderá no pleno a presencia veciñal nas xuntas de área
19 Xuño, 2017
0
•    O grupo quere garantir o dereito da veciñanza a controlar o labor de toda a corporación.
•    Nas últimas semanas PP, DO e PSOE vetaron a participación de veciñas nestas xuntanzas, en contra do regulamento establecido.
•    O grupo insistirá na súa petición para a difusión pública na web municipal das actas destas reunións.

    Logo da polémica suscitada nas últimas semanas pola presencia de membros da Federación Limiar en diferentes xuntas de área, e o rexeitamento manifestado perante tal cuestión polos representantes do Partido Popular, Democracia Ourensana e PSOE, Ourense en Común prepara unha moción para o pleno do próximo mes de xullo, na que defenderá a participación de calquera veciña nas xuntas de área, entendendo que “a veciñanza debe poder controlar a labor de toda a corporación“.

    Ourense en Común é o único grupo que se posiciona polo libre acceso de calquera veciña a estas xuntanzas semanais, nas que se dá conta de diferentes cuestións plantexadas polos concelleiros ao grupo de goberno, co fin de “fiscalizar decisións que afectan a toda a cidadanía”.

    O grupo solicitará que se revise o “obsoleto” regulamento vixente, de 2006, que “necesita unha actualización urxente para ampliar a participación a calquera veciña ou asociación e non só á Federacion Limiar, que era daquela a única existente”. OUeC engade que a participación debera ser extensible á Xunta de Goberno Local, na que exclusivamente participa o grupo no goberno, argumentando que “a presencia de todos os grupos, con voz e sen voto, permitiría que as decisións tomadas polo goberno puideran ser debidamente fiscalizadas”.

    Ourense en Común insistirá ademáis na súa petición de que as actas das xuntas de área sexan públicas e se penduren na web municipalnós xa o facemos así na nosa web, son temas de interese xeral e mesmo os asesores xurídicos do concello indican que non hai nada que non poda ser publicado. A transparencia non só son titulares, son ferramentas para unha mellor democracia e empoderamento cidadán”.