Ourense en Común denuncia a deficiente planificación dos concertos das festas
28 Xuño, 2018
0
• A limitación de aforo dos espazos está a excluír a centos de persoas de disfrutar das actividades programadas.
• As colas foron onte a imaxe máis repetida nas instalacións do Xardín do Posío, desbordadas perante a masiva asistencia de público ao concerto de Rosendo.
• A ubicación das barracas intensifica ademais estes días os graves problemas de tráfico que a cidade xa acusa normalmente.
• Ourense en Común chama ao equipo de goberno a “atender as demandas do Consello Municipal de Cultura e repensar a programación e os espazos das festas”.

    Ourense en Común sinalaba esta mañá as “evidentes deficiencias na configuración e selección dos espazos asociados á programación das festas, logo de que os problemas de accesibilidade ao Xardín do Posío fixeran que o concerto de Rosendo Mercado comezase con decenas de persoas aínda no exterior do recinto; unha problemática que tamén se está a dar nos accesos á Praza Maior, onde o limitado do aforo “exclúe a centos de persoas de asistir aos concertos programados, pagados tamén co seu diñeiro”.

    Segundo Ourense en Común, son dous exemplos que definen a “necesidade de repensar os espazos” para os concertos nas festas da capital. Para o seu portavoz “a selección dos concertos debe ir acompañada dunha valoración do público potencial, e desta derivarse a súa localización. Non é lóxico que centos de persoas queden fóra habendo en Ourense lugares que poderían albergar estes concertos sen problemas de aforo e con moita máis seguridade”.

    Para Martiño Xosé Vázquez, estamos perante “outra mostra máis” da falta de coordinación e innovación na área de Cultura do goberno municipal, que “se suma ao innumerable currículo de desagraviosde Belén Iglesias como concelleira do Partido Popular delegada nesta materia, lembrando “os problemas para sacar adiante a MITEU, a incertidume do OUFF, o enfrontamento cos libreiros no Día das Letras, a perda da Banda de Música, o retraso na convocatoria de axudas, a imposición de taxas a entidades culturais”…

    O voceiro conclúe que “agresión sistemática á cultura da cidade deriva da total incapacidade de Belén Iglesias para  xestionar unha Concellería  que lle vén moi grande”, e insiste na petición de dimisión da concelleira, tal e como o seu grupo solicitaba no último pleno; unha ofensiva bloqueada polos votos en contra de Partido Popular e Democracia Ourensana.