Ourense en Común denuncia a fugacidade no proceso selectivo de dúas educadoras
9 Febreiro, 2017
1
•   Só unha persoa concorreu á convocatoria, quedando previsiblemente vacante a outra praza.
•   As candidatas tiveron só tres días para presentar a solicitude, complicando a libre concorrencia ao proceso.

    Ourense en Común denunciaba esta mañá a improvisación e apresuramento co que o equipo de goberno xestionou nestes días o proceso selectivo para o nomeamento interino de dúas Educadores/as de Familia, que deixará a convocatoria incompleta.

    Con data de rexistro do 1 de febreiro e con carácter urxente, o Concello aprobaba as bases para a selección de dúas educadoras, co fin de prestar servizo na Concellería de Benestar Social, ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia.

    Para participar no proceso, as candidatas tiveron únicamente tres días para presentar as solicitudes, un prazo que para Ourense en Común, é “totalmente insuficiente e que invalida os principios xurídicos de igualdade, mérito e capacidade”. Igualmente, as bases recollían prazos ridículos, dun só día, para facer reclamacións e para presentar a documentación no caso de ser a candidata seleccionada.

    O listado provisional coas persoas admitidas, pendurado esta mañá no taboleiro do Concello, pero aínda non na web municipal, revela que só unha persoa concorreu a esta convocatoria.

    Ledicia Piñeiro analizaba esta mañá esta situación como “un desastre tendo en conta a tremenda necesidade de educadoras que tén este Concello debido a baixas e xubilacións. Tal e como se falou en Xunta de área, o interesante neste proceso, era que tamén quedara a posteriori unha lista de interinidade, que a día de hoxe non existe, para poder botar man dela e cubrir baixas cando se precise”.

    Para Ourense en Común, esta situación responde a “un total despropósito cos tempos por parte deste goberno, que novamente ten que colgar a etiqueta de ‘deserto’ á súa xestión”, xa que a concellería tiña coñecemento da posibilidade de contratar dúas educadoras desde finais de decembro.

Deixa unha resposta

1 comment

  1. O mesmo pasou na convocatoria para un analista do inorde, 3 dias de plazo e curiosamente, todos os solicitantes agás unha persoa excluidos.