Ourense en Común denuncia que non se están cumprindo os protocolos na aprobación da ordenanza reguladora das vivendas de emerxencia social
18 Agosto, 2016
0

A ordenanza reguladora do réxime de funcionamento e cesión das Vivendas de Emerxencia, non está dispoñible para que calquera persoa ou colectivo faga alegacións.

 

Ourense, 18 de Agosto de 2016

Despois de meses de achegas dos grupos municipais, debates entre os mesmos, unha comisión de pleno e finalmente unha aprobación inicial plenaria a ordenanza reguladora de vivendas de emerxencia estaba lista para que se anunciase a súa publicación e se abrira un prazo de alegacións entre a veciñanza.

Este anuncio foi no BOP num 187, do 16 de Agosto. O anuncio recolle textualmente, “Para consulta do citado expediente, poden dirixirse no prazo indicado, ás oficinas de Benestar Social, sitas na rúa Arcediagos, núm. 3, 1º andar, así como dispoñer dunha versión na web deste concello (www.ourense.es/benestarsocial). Ourense, 1 de agosto de 2016. O alcalde.

Dende Ourense en Común estivemos pendentes da publicación desta ordenanza e detectamos que a ordenanza pendurada na web do Concello o día 17 de Agosto, era o borrador previo de ordenanza, é dicir excluía todas as achegas feitas polos grupos municipais e polo tanto non era o texto acordado no pleno.

Deste xeito, nesa ordenanza se trasladaba que o prazo de estancia nas vivendas de emerxencia eran de 3 meses, cando a realidade é que ese punto foi aprobado tras unha emenda de OUeC, que dicía que o prazo de estancia na  vivenda sería marcado polo equipo dos servizos sociais en base a un itinerario de inserción social para esa persoa ou familia.

Tamén se recollía que as persoas acollidas nas vivendas de emerxencia se farían cargo dos gastos de luz, auga, gas e os darían de alta no seu nome, algo que tampouco corresponde co acordado en pleno, xa que no pleno decidimos que se estudaría cada caso para ver se esas familias ou persoas acollidas podían ou non facer fronte a eses gastos.

O grupo municipal de Ourense en Común púxose en contacto coa concelleira delegada Sofía Godoy para alertarlle do erro e afirmaba que sería solucionado de inmediato. A día de hoxe a realidade é que desapareceu o borrador errado que había de ordenanza, pero non está pendurado o novo.

As persoas que queiran facer alegación á mesma están perdendo días dos que lles corresponden legalmente, xa que é a partir do día despois á publicación do BOP que empeza a correr o tempo dos 30 días. Para Ourense en Común é un grave ataque a democracia, xa que a única vía que ten a veciñanza para influír na política municipal é facendo alegación aos textos públicos, se estes documentos non son anunciados e publicados en tempo e forma hai un grave menoscabo nos seus dereitos relativos á participación cidadá.