Ourense en Común denuncia reiterados incumprimentos de empresas contratadas polo Concello
21 Agosto, 2017
1
•    As irregularidades de Viaqua ou Ecourense chegan habitualmente á xunta de goberno local, sen que se coñezan repercusións contractuais, nin o destino das sancións que se lles impoñen.
•    OUeC solicita que se estuden as posibilidades para que os servizos que vencen proximamente, pasen a ter unha xestión municipal, máis eficiente e económica.

    Ourense en Común advirte da necesidade de revisar os contratos administrativos asinados polo concello con algunhas das empresas que xestionan os servizos municipais, por detectarse “reiteradas irregularidades e incumprimentos dos traballos para os que foron contratadas”.

    O grupo critica que a prestación dos servizos estea “supeditada a decisións empresariais, que nalgúns casos obvian os pregos administrativos e noutros directamente a lei, con unha evidente permisividade do equipo de goberno”. Son varias as empresas ás que “practicamente todos os xoves en Xunta de Goberno Local se lles abren expedientes por faltas graves, incumprimentos, ou danos e prexuízos para o Concello, pero en ningún caso se lles revisa o contrato, nin se nos notifica do destino das sancións, se é que son pagadas debidamente”, indica Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo.

    A empresa que xestiona o servizo municipal de augas e a EDAR do municipio, Viaqua, acumula ao longo deste ano multas por vertidos e danos ao dominio público hidráulico que ascenderon a máis de 23.000 euros. A CHMS sanciona ao Concello de Ourense e este remite a sanción a Viaqua, pero “descoñecemos o destino da presunta recadación”. O río Miño é a principal vítima dos vertidos ilegais e contaminantes, polo que “non parece que esta xestión empresarial responda ao interese público do que debe ser garante a administración”.

    Outra empresa de cuestionable xestión de servizos municipais é Ecourense UTE, encargada do servizo de limpeza e recollida dos RSU, da que se atopan numerosas irregularidades desde fai anos. Xa no ano 2011, unha auditoría externa recollía un informe técnico no que se alertaba de deficiencias no servizo e incumprimentos das esixencias do prego de condicións; un informe que derivou na “imposición de penalidades” á empresa por unha contía de 296.214 euros e unha multa de entre 6.001 e 30.000 euros por falta grave. A concesionaria do servizo presentara alegacións a este informe, e na xunta de goberno local do pasado 9 de marzo declarábase a caducidade do expediente de imposición de penalidade, “unha nova mostra da inoperancia e permisividade deste goberno, que pasa por alto o incumprimento do prego, e tamén do prazo para subsanar a irregularidade”.

    Ourense en Común denuncia que “o trato de favor con esta empresa vai aínda máis alá, apuntando ás “intencións do concelleiro de Medio ambiente de adecuar a ordenanza municipal de limpeza ás necesidades da empresa”, como recentemente anunciaba José Araujo.

    Martiño X. Vázquez lembra tamén o “completo desleixo político e empresarial” na xestión dos residuos, que conlevou ao peche de un dos puntos limpos da cidade, o de Eiroás. O voceiro manifesta que desde o seu grupo “solicitamos os plans de explotación dos puntos limpos de Ourense o ano pasado e lembrámoslle ao concelleiro que existen axudas a través do Fondo de compensación ambiental para sufragar gastos dos puntos limpos das cidades, pero nada se fixo”.

    Outra das contratas municipais cuestionadas por Ourense en Común é a empresa xestora do matadoiro de Ourense, Matadero de Ourense S.L., sobre a que continúa aberta unha comisión de investigación para esclarecer as “numerosas incongruencias en termos de control do gando sacrificado” denunciadas por OUeC, e que debido aodesinterese e a inoperancia do goberno municipal”, chegará en setembro ao Parlamento de Galicia.

    Martiño X. Vázquez aclara que “nos vindeiros 2 anos calquera destas tres empresas nomeadas rematan a súa concesión”, e reitera a petición do seu grupo, “sería preciso comezar xa a estudar que posibilidades ten o concello de pór en marcha a remunicipalización, o que suporía un aforro económico considerable para o erario público e melloraría a calidade dos servizos”.

Deixa unha resposta

1 comment

  1. Que decir de la rectoral de San Andrés, anunciada drsde hace diez o mas años como museo del vino, siendo mentira, pues intenté varias veces ve el inexistente museo… y que el próximo 2018 revertirá la propiedad a la Iglesia, convenientemente restaurado con nuestros impuestos