Ourense en Común destapa a folla de ruta oculta do PP para aprobar o PXOM
8 Maio, 2018
0
• O portavoz do grupo fixo recoñecer ao concelleiro de urbanismo que solicitaron informes para saber se era posible aprobar o PXOM sen pasar polo pleno.
• O informe da Secretaría Municipal deixa claro que o único órgano competente para aprobar o PXOM é o pleno, por maioría de votos da corporación.
• O Partido Popular, solicita outro informe ao Consello Consultivo de Galicia, conformado por letrados nomeados a dedo polo PP na Xunta, e presidido por un investigado por corrupción dentro da Operación Cóndor.
• Martiño Xosé Vázquez advirte que o Partido Popular está desbocado e nos minutos do desconto non respectan nin a lei nin aos árbitros, “todo vale para devolverlle a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios“.

    Na xunta de área de Urbanismo, Vivenda e Patrimonio do Concello de Ourense celebrada na mañá de hoxe, o voceiro de Ourense en Común destapaba “a folla de ruta oculta do PP para aprobar o PXOM. Nesta comisión que se celebra semanalmente co fin de que a oposición poda fiscalizar a labor do equipo de goberno, Martiño Xosé Vázquez, obrigaba a recoñecer ao concelleiro de urbanismo que solicitaron informes para saber se era posible aprobar o PXOM sen pasar polo pleno.

    Un informe solicitado segundo o edil de Urbanismo, Jesús Cudeiro, hai pouco máis dunha semana á Secretaría Municipal que “deixa claro que o único órgano competente para aprobar o PXOM é o pleno por maioría de votos da corporación“.

    Non conformes co mesmo, o Partido Popular vén de solicitar outro informe ao Consello Consultivo de Galicia para dilucidar a disparidade de criterios. Un órgano que segundo Ourense en Común “está conformado por letrados nomeados a dedo polo PP na Xunta, e presidido por un investigado por corrupción dentro da Operación Cóndor“.

    Martiño Xosé Vázquez advirte que o Partido Popular está “desbocado” e nos “minutos do desconto non respectan nin a lei nin aos árbitros, todo vale para devolverlle a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios”. Como ningún grupo da oposición apoiaría nunca “semellante pelotazo procuran agora un informe ao que aferrarse para poder aprobalo en solitario. “Xa o fixeron coa RPT que hoxe ten decenas de alegacións, están a repetilo cos orzamentos con informe contrario da intervención e agora pretenden facelo tamén co PXOM“.