Ourense en Común e Anova coinciden no reforzamento da unidade popular
5 Xuño, 2017
0

    Na tarde de onte domingo Anova e Ourense en Común mantiveron unha xuntanza en Ourense, na que participaron Antón Sánchez, Brais Borrajo e Brais Fidalgo, da nova dirección política da forza nacionalista, xunto a Javier Octavio de Toledo e Trinidad Domínguez, membros do grupo de Apertura da candidatura municipalista, encargado das relacións exteriores.

    O encontro enmárcase nunha xeira de contactos de presentación que está a levar adiante por todo o país a nova dirección política de Anova.

    Na reunión, celebrada no Espazo en Común das Burgas, conversouse ao redor da necesidade de reforzar os espazos de confluencia de cara ás municipais de 2019; tanto Ourense en Común como Anova comparten esta vía como a única “capaz de acadar o maior grao de mobilización social, e polo tanto “garantir que se poidan levar a cabo políticas transformadoras ao servizo dos intereses da maioría social dende as institucións municipais”.

    Ambas forzas analizaron a situación actual de En Marea dende a perspectiva compartida da “necesidade de reforzar a aposta por unha forza rupturista e de unidade popular que se vexa reflictida nos principios fundacionais da asemblea de Vigo”.