Ourense en Común e PSOE convocan á Mesa Municipal de Mobilidade ante a inoperancia do Goberno do PP
5 Xullo, 2016
0
  • Na reunión analizaranse as actuacións que o PP está a desenvolver sen consultar á Mesa como a activación do Transporte Metropolitano
  • Os colectivos foron convocados para o mércores da próxima semana
  • O PP foi instado a convocar esta Mesa en repetidas ocasións nos últimos 3 meses
  •       Perante a falta de convocatoria da Mesa Municipal de Mobilidade desde hai máis de 3 meses, dous dos grupos da oposición, Partido Socialista e Ourense en Común toman a iniciativa e convocan unha xuntanza para a vindeira semana.

          Colectivos como Stop-Accidentes, a Masa Crítica, Amigos da Terra, a Asociación Provincial de Auto Taxi e Auto Turismo de Ourense, Federacións de veciños, e moitos outros xunto con técnicos municipais, foron convocados para o próximo mércores 13 de xullo no Centro Cívico Colón, para analizar temas de actualidade en materia de mobilidade, como o transporte metropolitano, os aparcamentos disuasorios ou a pacificación do tráfico que di estar acometendo o goberno do Partido Popular, sen informar axeitadamente nin ter en conta as propostas presentadas polos diferentes colectivos nas pasadas reunións da Mesa, constituída no mes de outubro do pasado ano tras ser aprobada no pleno unha moción de Ourense en Común para a súa creación.

          O pasado 28 de marzo celebrábase a última reunión, centrada no prego de transporte público e a implantación da bicicleta como transporte alternativo; desde entón, o goberno non fixo partícipe á Mesa Municipal de Mobilidade dos avances feitos, nin rendeu contas naqueles compromisos asumidos perante este órgano municipal.

          Esta convocatoria é a resposta da oposición á inoperancia do equipo de goberno, instado en varias ocasións a convocar a mesa co carácter periódico e recorrente que debería de ter. Lonxe de convocar,  informar e consultar aos diferentes colectivos representados na Mesa Municipal de Mobilidade, o Partido Popular aprobou nos últimos meses, por exemplo, o convenio para a posta en funcionamento do transporte metropolitano. Un tema sobre o que a Mesa debería estar informada e levar un seguimento da súa implantación, xa que condicionará o transporte público urbano e as propias dinámicas de movemento interno.

          A oposición pretende con esta reunión, facer balance das propostas presentadas polos diferentes colectivos, valorar a visión de futuro do propio órgano, e analizar outros temas de actualidade en materia de mobilidade, como a implantación dun carril bici en vías de titularidade autonómica ou a peonalización de rúas.