Ourense en Común e PSOE reclamarán no pleno a paralización da cesión da Casa da Maxia á Deputación
24 Maio, 2018
0
• A intervención municipal advirte de irregularidades no expediente e apunta a criterios “moi diverxentes, incluso contrarios á cesión”.
• Co Museo dos Bolechas suprimiríase a ludoteca e outros servizos necesarios para a cidade, que ademais perdería un inmoble de máis de medio millón de euros.
• Os grupos tamén defenderán conxuntamente no pleno de xuño, a modificación da senda prevista en Reza.

    O Grupo Socialista e Ourense en Común levarán ao pleno de xuño unha moción compartida coa que instan ao Goberno Municipal á revogación urxente do procedemento para agasallar coa Casa da Maxia á Deputación de Ourense, e pedirán que este equipamento se conserve como anexo ao Centro Cívico Colón, co compromiso de “que se manteñan e implementen as actividades de conciliación laboral e familiar que se viñan a levar a cabo no mesmo”.

    Os grupos tomaron a determinación de levar a pleno esta cuestión logo de que coñecer, o pasado 8 de maio, o informe de intervención que devolve ao servizo de Urbanismo o expediente, por basearse en criterios interpretativos moi diverxentes, incluso contrarios á cesión”, e vulnerar a Orde do 25 de febreiro de 1982, no que respecta ao exercicio das funcións do persoal, e mesmo a propia RPT do Concello, ao non incluír o correspondente informe do Xefe de Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística, un trámite “esencial” en este tipo de expedientes.

    Tanto Ourense en Común como o PSOE foron moi críticos desde que se coñecera a intención do goberno do Concello de “agasallar á Deputación con este inmoble, denunciando a axenda oculta coa que se estivo a tramitar, advertindo das flagrantes irregularidades que agora se coñecen, e sinalando a patrimonialización que o Partido Popular fai do público”.

    Alertan de que a pretensión da Alcaldía e a Deputación é “desmantelar os servizos públicos que se prestan neste espazo, como as actividades de apoio e reforzo escolar, que foron xa paulatinamente desaparecendo das instalacións, e cuestionan a rendabilidade e viabilidade do proxecto como Museo dos Bolechas, que ademais podería poñer en risco a subvención de 400.000 € ao abeiro do Plan Urban coa que o inmoble foi restaurado. “As veciñas de Ourense perderían un edificio valorado en máis de medio millón de euros, e destinado a prestar servizos fundamentais para a conciliación familiar e o desenvolvemento asociativo”.