Ourense en Común emprenderá accións legais se o goberno segue agochando o cadro de persoal
24 Xaneiro, 2018
0
• A RPT é indispensable para a planificación e aprobación dos orzamentos polos que a cidade agarda desde 2014.
• Das sete capitais galegas, Ourense é o concello que máis gasta en persoal.
• “Hai máis dun mes que pedimos acceso ao expediente, non imos consentir máis postos de traballo a cambio de votos”
• De non recibir o acceso ao expediente nos próximos días, OUeC acudirá á vía xudicial mediante un recurso especial de protección de dereitos fundamentais (Artigo 23.2 CE).

    Amparándose nos dereitos de acceso á información recollidos no Artigo 9 do Regulamento Orgánico do Concello e o 23.2 da propia Constitución Española, Ourense en Común denunciaba hoxe que o goberno “incumpre reiteradamente os prazos na entrega de documentación aos grupos,  e advirte de que emprenderemos accións legais se é preciso“.

    O grupo vén agardando desde hai máis dun mes a vista do expediente referido ao cadro de persoal do Concello, un documento que por Lei “ha de acompañar aos orzamentos para seren aprobados”.

    Ledicia Piñeiro, que en repetidas ocasións ten solicitado acceso ao borrador da plantilla de persoal e a todo o expediente, “que inclúe reparos dos servizos de intervención que queremos coñecer”, declara que teñen este documento paralizado e agochado”.

    A coñecida como RPT, -Relación de Postos de Traballo-, é un “documento básico” para a xestión do persoal, “e máis sendo Ourense o Concello que máis gasta en nóminas das sete capitais galegas”. A edil do grupo expón que é fundamental coñecer a ordenación do persoal de acordo coas necesidades dos servizos, e os requisitos para o desempeño de cada posto “cantas son, e onde e para que están”.

    Piñeiro advirte que “non imos consentir que o PP siga ofrecendo traballo a cambio de voto, nin que reiteradamente se nos negue o acceso á información”.