Ourense en Común envía medicamentos como axuda humanitaria para as refuxiadas saharauis
16 Xuño, 2017
0
• Dúas caixas ateigadas de solidariedade ourensana chegarán aos campamentos do Sáhara nos próximos días.
• Tres farmacias da cidade e o Espazo en Común das Burgas funcionaron como puntos de recollida de medicinas.
• O envío supera as 1.000 doses en medicamentos de primeira necesidade e as 500 unidades de materiais para primeiras curas.

    Ourense en Común enviaba esta semana axuda humanitaria ás refuxiadas saharauis, despois de desenvolver unha campaña de recollida en varias farmacias da cidade e o Espazo en Común durante o mes de abril.

    Logo dun proceso de clasificación, inventariado e embalaxe do material recollido, o grupo depositaba esta semana o material en mans da mensaxería Sahara Express, que será a responsable de facer chegar o envío a un centro sanitario nos campamentos de Tindouf nos próximos días, coincidindo coas festas do fin de Ramadán.

    A carga está conformada por máis de 1.000 doses en fármacos de uso común –aspirina, paracetamol, ibuprofeno-, 500 unidades en material de curas -gasas, apósitos, betadine, vendas, auga osixenada, algodón, xeringas- , xunto con menciñas de atención pediátrica e tratamentos específicos para doenzas cardíacas, respiratorias ou dérmicas.

    A iniciativa partiu do concelleiro do grupo, Miguel Doval, vencellado ao pobo saharaui desde que exercera como voluntario no programa “Vacacións en paz”, acompañando e atendendo a dez nenos con discapacidade durante a súa estancia en Ourense no mes de agosto de 2011, e visitándoos un ano máis tarde  nos campamentos, convivindo con eles dúas semanas e establecendo estreitos lazos con este pobo que define como “moi acolledor, respectuoso e humanitario”.

    Ourense en Común quere con esta acción achegar a súa solidariedade coas persoas que viven nos campamentos do Sáharavisibilizar as necesidades deste pobo abandonado na diáspora hai máis de 40 anos pola irresponsabilidade do estado español, e convidar á reflexión sobre o drama humano de todas as refuxiadas. “Ogallá non existiran persoas obrigadas a abandonar os seus fogares en busca de refuxio”, dí Doval.

    O grupo quere agradecer ás tres farmacias da cidade que se implicaron no mes de abril coa campaña de recollida nos barrios da Ponte, O Couto e Mariñamansa; foron as ubicadas en Vicente Risco, 3, Ervedelo, 82 e Av. de Zamora, 6.

    Os 200.000 saharauis que conviven nos campos de El Aaiún, Auserd, Smara e Dajla, no suroeste de Alxeria, fano en condicións infrahumanas, agardando unha solución xusta ao conflito que inclúa o seu dereito para decidir o futuro do seu país. Viven en tendas, sen auga corrente, e dependen case totalmente da axuda internacional externa para subsistir. Dous terzos das mulleres sofren de anemia, e un terzo dos nenos sofre de desnutrición crónica.