Ourense en Común esixe bonificar por nivel de renda o Imposto sobre Bens Inmobles
5 Xullo, 2017
0
•   Sete anos de bonificación para vivendas de protección oficial ou o aumento na bonificación por domiciliación bancaria, algunhas das emendas de OUeC que recollerá a nova ordenanza
• OUeC defende reducir o imposto a aqueles inmobles que constitúan obxecto de proxectos de emprendemento e creación de emprego.
• O Partido Popular rexeita retirar a exención do IBI á igrexa e mantén a bonificación do 90% a empresas construtoras.

    Os diferentes grupos municipais reuníanse hoxe con técnicos responsables da área de recadación e facenda do Concello de Ourense para avanzar na reforma da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens inmobles. A reunión, que se extendeu por máis dunha hora, concentrou grande parte do tempo en analizar as propostas que Ourense en Común presentaba no pasado novembro á ordenanza.

    Son varias as emendas do grupo que se recollerán no novo texto, así é que “aumentamos o período de bonificación para vivendas de protección oficial, melloramos as condicións de pago por domiciliación do imposto, e engadimos diferentes bonificacións para fomentar a instalación de enerxías renovables no concello de Ourense”, explicaba Martiño Xosé Vázquez.

    O voceiro do OUeC declaraba que “valoramos moi positivamente que malia a ser o grupo con menor representación sexamos o que maior capacidade de emenda presenta, introducindo ata catro modificacións na futura ordenanza do IBI”.

    A negativa do Partido Popular para explorar as posibilidades legais de retirar a exención a igrexa católica, e a reducir a bonificación ás empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria fai que algunhas das emendas de Ourense en Común foran desestimadas. Porén, e malia a esgrimir criterios técnicos de dificultade na súa implementación, Ourense en Común plantábase na reunión e non renunciará á emenda presentada pola que pretendía bonificar por nivel de renda o Imposto sobre Bens Inmobles. “Non ten sentido bonificar por igual a Amancio Ortega que a unha familia cun único ingreso. Pode ser que a nosa proposta requira un plus extra de traballo por parte dos técnicos deste concello para poñela en marcha, pero o fin paga a pena.