Ourense en Común esixe o traslado urxente de todo o persoal exposto ao radón
28 Decembro, 2017
0
• O grupo apoia as reivindicacións da CIG e o SPPME, que reclaman medidas preventivas para todo o persoal municipal.
• O goberno aínda non ten preparados os traslados para o persoal na Cárcere da Coroa, onde tamén hai altas concentracións do gas.
• O PP pode estar incorrendo nun delito contra a saúde pública, obviando desde hai meses a normativa sobre a información e protección dos traballadores.

    Ourense en Común manifestaba hoxe a súa solidariedade e apoio ás reivindicacións da CIG e do sindicato maioritario da Policía Local, que reclaman a ampliación das medidas preventivas sobre a exposición ao gas radón a todo o persoal municipal, e para que se informe sobre os seus efectos no comité de seguridade do Concello.

    Hai meses que o grupo vén advertindo da “falta de dilixencia do PP fronte aos alarmantes datos extraídos das primeiras medicións” e acusa ao goberno de “mover ficha agora, cando as medicións propias de OUeC revelaron que as concentracións duplican o permitido pola OMS, con picos de ata 7 veces superiores. Martiño X. Vázquez, declaraba esta mañá que ademais do traslado dos alguacís, “é necesario tomar medidas urxentes en outras dependencias”, en referencia á Cárcere da Coroa, onde as concentracións tamén son elevadas.

    O voceiro do grupo aclara que o goberno non é culpable da presencia do gas, pero sí responsabiliza ao PP dunha mala xestión” a sabendas da alta concentración en diferentes dependencias municipais e do impacto que supón nas persoas. “É un problema de saúde pública e especialmente de seguridade laboral”.

    Ourense en Común esixe ao PP a ser “transparente na xestión deste problema, aseguran que “vixiaremos de perto as medidas correctoras” e aclaran que de non ser axeitadas, “animaremos a calquera traballadora a defender a súa saúde e os seus dereitos noutras vías, xudiciais se é necesario”.