Ourense en Común insta ao alcalde a iniciar un expediente sancionador a Gonzalo P. Jácome
18 Xullo, 2017
0
•    O líder de Democracia Ourensana reincide por segundo ano incumprindo a Lei de Transparencia cunha “indesexable impunidade”.
•    Jácome é o único edil da corporación que non fai pública a súa declaración de bens.
•    A Lei de Bases do Réxime Local recolle sancións de ata 3.000€ para este tipo de faltas.

    Ourense en Común presentará mañá unha instancia dirixida ao alcalde de Ourense, pola que solicitará a apertura dun expediente sancionador ao líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, por incumprir o Regulamento do Concello de Ourense e a Lei de transparencia, que lle obrigan a facer público o seu patrimonio como membro da corporación municipal.

    Jácome reincide nesta falta por segundo ano consecutivo, conscientemente, e alardeando desto no último pleno de xuño, no que xustificaba que o fai “por rebeldía y porque estoy esperando a que me sancionen”.

    Ourense en Común entende que esta é unha conducta que “non se pode consentir e que o alcalde ten que “asumir as súas competencias e deixar de obviar e pasar por alto as graves eivas no comportamento e o proceder deste edil, que constantemente falta ao respecto a esta institución e a todas as veciñas da cidade”.

    Martiño X. Vázquez desconfía de “que Jácome agoche a súa declaración de bens pode ter relación coa rebaixa do 20% no IBI que solicita Democracia Ourensana”, xa que “facer público o seu elevado capital inmobiliario evidenciaría que o que demanda é unha rebaixa para el mesmo”.

    Desde 2008, os membros da corporación ourensá están obrigados a publicar as súas declaracións de bens durante segunda quincena do mes de xullo; un lapso de tempo que Ourense en Común extendeu a todo o ano para os seus concelleiros desde a súa chegada ao Concello. Durante este mandato, o líder de Democracia Ourensana só presentou a súa declaración de bens en 2015, “por serlle indispensable para poder tomar posesión do seu cargo como concelleiro, apunta Martiño X. Vázquez.