Ourense en Común insta ao Concello a solicitar o cambio de xornada para o CEIP Seixalbo
31 Maio, 2018
0
• O 95% da comunidade educativa solicita un cambio de horario na xornada lectiva “imposta pola empresa do transporte”.
• O grupo confía en que o resto da corporación se sume á petición de manter a xornada continua todo o curso escolar.
• Os douscentos alumnos e alumnas do centro sofren na actualidade un horario “antipedagóxico”, mesturando horas curriculares e extraescolares.

    Ourense en Común trasladará ao pleno municipal as demandas da comunidade educativa do CEIP de Seixalbo, que solicita un cambio na xornada lectiva do centro, atendendo a “criterios pedagóxicos e non de rendibilidade empresarial.

    O grupo denuncia as “graves consecuencias” que está a sofrer o alumnado pola negativa do transporte para manter durante todo o curso escolar o horario continuado dos meses de xuño e setembro (de 9:30 a 14:30 horas); unha cuestión que “se pode corrixir  se é certa a vontade da Xunta” que manifesta a Conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, de “adaptar o transporte ás necesidades reais de cada centro”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro de OUeC, responsabiliza ás empresas que xestionan o transporte ao centro, duns horarios “impostos”, que cualifica de “incomprensibles”, xa que os nenos e nenas, ao rematar o comedor e as actividades extraescolares, teñen que retornar ás aulas unha hora máis”, con carga lectiva de materias curriculares. “É evidente que as empresas fan máis servizos ao marxe do centro, e queren facturar o máximo posible”.

    O grupo defende que “o horario escolar ten que ser fixado baixo criterios pedagóxicos, para garantir a calidade do ensino”, e consideran inadmisible” que neste centro as condicións sexan “pautadas polas empresas e non se igualen ao resto de centros públicos da cidade que “gozan de xornada continuada”.

    O CEIP Seixalbo conta na actualidade con 199 alumnos e alumnas, dos Concellos de Ourense, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Paderne de Allariz, polo que “a maioría dependen do transporte para chegar ao centro educativo”.