Ourense en Común introduce a progresividade fiscal por nivel de renda no pago do IBI
21 Xullo, 2017
0
•    A proposta do grupo para ter en conta os ingresos familiares foi aceptada polo Partido Popular.
•    A ordenanza contemplará tamén outra das emendas de OUeC, con bonificacións de ata o 95% para o fomento o emprego e actividades económicas de especial interese.
•    En reunións anteriores, OUeC xa introduxo na ordenanza bonificacións para vivendas de protección oficial, o fomento de enerxías renovables e descontos por domiciliar o pago.

        Os diferentes grupos municipais reuníanse novamente hoxe con técnicos responsables da área de recadación e facenda do Concello de Ourense para avanzar na reforma da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens inmobles.

    Despois de que o portavoz de Democracia Ourensana abandonara a xuntanza aos poucos minutos de comezar, e á abstención que mantén o PSdeG-PSOE, a reunión volveu a concentrar hoxe grande parte do tempo en analizar as propostas que Ourense en Común presentara o pasado ano para a nova ordenanza. Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, afirma sentirse satisfeito e contento pois, malia a ser o grupo con menor representación “sexamos o que maior capacidade de diálogo e emenda presenta, introducindo varias modificacións na futura ordenanza do IBI“.

    O debate centrábase na proposta do grupo municipalista para introducir na nova ordenanza o concepto de progresividade, para que o referente sexa o IPREM (Indicador Público da Renda de Efectos Múltiples) nas necesarias bonificacións para familias numerosas. Así é que na nova proposta mantense a bonificación de entre un 50% e 90% segundo a categoría de familia numerosa, e a maiores engádese que para aquelas familias que non ingresen 1,5 veces o IPREM (750€ aproximadamente) a bonificación será a máxima permitida por lei. “É cuestión de equidade e xustiza, non ten sentido bonificar por igual á familia de Amancio Ortega que a quen ten problemas para chegar a fin de mes“, afirmaba o portavoz Martiño Xosé Vázquez.

    Outra proposta de Ourense en Común que acollerá a nova ordenanza é a de fomentar o emprego e actividades económicas de especial interese municipal, con bonificacións de ata o 95%. Martiño Xosé Vázquez explica que “trátase de fomentar o emprendemento e o aumento do emprego naqueles sectores estratéxicos para Ourense nos próximos anos e nos que podemos ser referentes”. O voceiro fai fincapé no capital humano e recursos que ten o Concellopara competir no sector agroalimentario, en loxística e transportes, en turismo sostible, en termalismo, innovación e investigación, patrimonio e moitas outras actividades”, defendendo que “as administracións públicas deben facilitar e fomentar o emprendemento para acabar cun dos maiores problemas que ten Ourense, a emigración xuvenil por falta de oportunidades laborais“.

        Ademais destas emendas do grupo que se consensuaron hoxe, son varias as propostas de OUeC xa aprobadas en anteriores xuntanzas, “aumentamos o período de bonificación para vivendas de protección oficial, melloramos as condicións de pago por domiciliación do imposto, e engadimos diferentes bonificacións para fomentar a instalación de enerxías renovables no concello de Ourense”, explicaba Martiño Xosé Vázquez.