Ourense en Común lembra que de terse aprobado a Mesa Municipal de Patrimonio o Concello de Ourense podería ter evitado a venta do mosteiro de Santa Comba de Naves a un particular
19 Xaneiro, 2016
0

Ourense en Común presentou no pleno de novembro unha moción para a constitución dun órgano de xestión municipal que atendera as necesidades de conservación, mantemento e promoción do Patrimonio Cultural e Natural do Concello de Ourense. Proposta votada en contra por Democracia Ourensana e Partido Popular, coa abstención do Partido Socialista.  

 

  • De terse aprobado a constitución daquela Mesa de Patrimonio teríamos un equipo de xente traballando que puidera ter evitado a venta do monumento a un particular e incluso avaliar as posibilidades de adquirir o ben cultural para a súa posta en valor”. Con esta afirmación Ourense en Común amosa a súa sorpresa pola indignación dos grupos da oposición que naquel pleno votaron en contra e advirte que “volverá a suceder porque no Concello de Ourense non existe ningún órgano de xestión coordinador para implementar accións en materia de conservación, estudo e posta en valor do patrimonio”.

 

  • Dende Ourense en Común reivindican a constitución deste órgano xestor porque “malia a que o marco xurídico para a protección do Patrimonio Natural e Cultural sexa en exclusiva responsabilidade autonómica, ambos patrimonios quedan afectados en maior ou menor medida por accións e incluso normativas que parten dun contexto municipal. Polo que é necesario un marco proactivo de acción local”.

 

  • Ourense en común lembra asemade que o Plan Estratéxico Termal do Concello de Ourense, aprobado en 2007 por unanimidade de todas as organizacións políticas con representación na corporación municipal, propuña a “conservación dos recursos termais e a súa posta en valor con outros naturais e culturais asociados”. Este documento marco que debía sentar as bases do modelo de cidade a construír outorga unha importancia nodal ao patrimonio natural e cultural. Así é que aposta por “un modelo económico en base a recursos endóxenos e ao desenvolvemento dunha oferta territorial integral sobre bases planificadas” a futuro. Tendo en conta en todo momento que estamos perante un recurso que non pode ser deslocalizado.

 

  • Ourense en Común esixirá ao Partido Popular informe de actuacións autorizadas dende a institución municipal e copia do expediente completo de venta do ben catalogado.