Ourense en Común non participará do “mercadeo” pretendido por PP e DO cos servizos sociais
31 Xullo, 2017
0
•    O grupo entende que a cobertura dos servizos sociais debe ser unha prioridade independente da reforma fiscal.
•    Pérez Jácome mantén unha negociación de enfoque comercial, asumindo a xestión do Concello “coma se fóra unha empresa”.
•    PSOE e DO non se presentaron hoxe na reunión coa concelleira de Facenda para continuar avanzando na reforma do IBI.

    Tras a primeira reunión de Ourense en Común co alcalde en máis de dous anos de goberno, que pon de manifesto “a súa nula capacidade de diálogo”, o voceiro do grupo declaraba que “non participará do mercadeo que están a abrir Democracia Ourensana e o Partido Popular cos servizos sociais”. Martiño Xosé Vázquez insiste en que “o PP debe asumir a súa responsabilidade de goberno antes de responsabilizar á oposición do seu fracaso xestor”.

    O grupo de Pérez Jácome,  pretende vencellar a prestación dos servizos sociais coa reforma fiscal, unha cuestión que “pon en risco o traballo dos últimos meses na nova ordenanza do IBI”, que se atopa prácticamente rematada e recolle moitas das emendas presentadas por Ourense en Común, e a fan máis social ca nunca”. Sobre esta ordenanza,  a concelleira convocaba para esta mañá aos voceiros dos grupos da corporación; unha reunión á que só asistiu Ourense en Común.

    Ourense en Común cuestiona o proceder de Democracia Ourensana, que “entende a xestión pública non como un traballo en prol do ben común, senon como un intercambio de cromos”, nun exercicio irresponsable ao que o PP “parece que vai ceder“.