Ourense en Común pide abrir expediente de honra para Arturo Baltar
6 Xaneiro, 2018
0
• O grupo pedirá a ampliación do horario de visitas do Museo do escultor, que “só abre dúas horas ao día”.
• A moción quere poñer en valor a traxectoria do escultor, cuxa obra mantivo viva a esencia da que era noutrora coñecida internacionalmente como “a Atenas de Galicia”.
• A familia e o entorno próximo do escultor recibiron con agradecemento a iniciativa.

    Ourense en Común defenderá no pleno do próximo luns a apertura do expediente de honra á figura do recentemente finado Arturo Baltar, un dos ilustres da alcumada por Otero Pedraio como “Bela Auria””, lamentando que, como no caso de Marcos Valcárcel, “este recoñecemento chegará xa tarde e non en vida”.

    Malia a ter nacido en Coles, Arturo Baltar Santos concentrou na súa vida e obra a idea dun Ourense de vangarda, creativo e cultural, convertendo o seu legado escultórico nun fiel retrato en tres dimensións do Ourense do pasado e o presente”, con infinidade de elementos, personaxes, arquitecturas, paisaxes, oficios, xogos populares e lugares que, á marxe do propio valor artístico, dotan á súa obra dun inmenso valor etnográfico.

    Ourense en Común quere con esta moción “reivindicar a figura de Arturo Baltar Santos e a súa práctica de cidadanía creadora. Valores e ideas que compartimos como parte dunha comunidade, a expresión do que Ourense significa para cada un de nós”, e solicitará ademais que se difunda debidamente” a obra do escultor, para o que pedirá unha ampliación de horarios do museo ubicado na  capela de San Cosme e San Damián, que abre só 2 horas ao día.

    O grupo informou xa á familia do escultor e ao seu entorno máis próximo, que recibiu con agradecemento a iniciativa.