Ourense en Común pide no pleno un plan urxente contra os atropelos
1 Xuño, 2017
0
• Ourense rexistra unha media anual de entre 60 e 70 atropelos, resultando entre 1 e 2 casos en morte para o peón.
• As rúas con maior índice de atropelos non contan con ningún tipo de redutor de velocidade ou infraestruturas que garantan a seguridade viaria dos peóns.
• Ourense é a terceira capital do estado con máis tráfico motorizado.

    Ourense en Común leva ao pleno de mañá unha moción coa que instará ao goberno a incrementar a previsión de gasto ligado á ordenación do tráfico e estacionamento, infraestruturas viarias urbanas e equipamentos, así como todas aquelas propias de mobilidade, acometendo de forma urxente un plan de contención contra os atropelos. “As estatísticas de atropelos mantéñense ano tras ano e son necesarias accións urxentes que só demandan vontade por parte das concellerías responsables e partidas orzamentarias que non están contempladas no borrador de orzamentos presentado polo Partido Popular aos grupos da oposición”.

    O grupo cuestiona a campaña punitiva contra os peóns emprendida polo goberno do Partido Popular o pasado ano, xustificándose no informe da Policía Local redactado no ano 2015, no que se observa que “o 75% dos atropelos débese a causas imputables ao condutor do vehículo motorizado, e non ao peón”.

    Desde a súa chegada á corporación, Ourense en Común ten advertido en repetidas ocasións do problema estrutural de Ourense en materia de ordenamento do tráfico e mobilidade, que a sitúa como a terceira capital de provincia máis motorizada do estado español, e que fai que “o marco urbano asuma 282.500 viaxes diarias motorizadas”, o que supón que “só dous de cada dez desprazamentos fanse en transporte público”.

    Foi unha moción do grupo, en xullo de 2015 a que orixinou a constitución da Mesa Municipal de Mobilidade para que a cidadanía, xunto con representantes políticos, técnicos municipais e persoal especializado e de apoio puidera tratar os graves problemas na mobilidade do Concello, unha iniciativa posteriormente desmerecida polo equipo de goberno do Partido Popular, que adiou a súa convocatoria por máis de dez meses durante o ano 2016.