Ourense en Común presenta 14 enmendas ao regulamento da Mesa Local de Voluntariado
10 Febreiro, 2016
0

O grupo municipal Ourense en Común presentará o xoves día 11 por rexistro xeral as conclusións, en forma de enmendas, do debate que organizaron a pasada semana sobre o borrador de regulamento da Mesa Local de Voluntariado.

A pasada semana, Ourense en Común conseguiu reunir a unha decena de persoas, representantes de entidades e persoas a título individual, para debatir o borrador de regulamento da Mesa Local de Voluntariado. “Entendemos que a Mesa de Voluntariado é un espazo para xerar sinerxias entre entidades que traballen no sector, por iso pensamos que un debate aberto é a mellor forma de enriquecer o regulamento, que ademáis concorda coa liña de OueC, de dar voz ás partes implicadas”.

“Dende Ourense en Común defendemos a intelixencia colectiva e a participación cidadá como a mellor forma de crear documentos marco para o bo funcionamento do Concello de Ourense”.

Entre as propostas engadidas, está un novo método de adopción de acordos, onde se prima o consenso antes que a confrontación. Tamén se recolle entre as enmendas, unha fórmula nova de convocatoria que favoreza a participación. Así como o aumento da peridiocidade das xuntanzas da mesa, que pasaría ser trimestral.

O seguinte paso do procedemento para a aprobación de dito regulamento, é a revisión xurídica dende o Concello para que as enmendas non entren en contradicción con ningunha normativa. Por último, será o pleno o que valore a proposta que a Concellería de Voluntariado faga tendo en conta as enmendas presentadas.