Ourense en Común presenta currículos para que a vacante no Tribunal Económico Administrativo do Concello se cubra “sen enchufes”
28 Maio, 2018
0
• O grupo abriu unha convocatoria pola que busca “a transparencia no proceso e na xestión municipal”.
• Catro currículos, de dous homes e dúas mulleres, foron recibidos no proceso aberto polo grupo a principios de mes.
• OUeC esixe ao goberno “que sexan valorados” e o posto se cubra co perfil que mellor se axuste ás necesidades do traballo.

    Ourense en Común entregaba hoxe, a través do rexistro do Concello, un total de catro currículos, de outros tantos profesionais, para “que se teñan en consideración e avalíen” no proceso para cubrir o posto vacante na Secretaría do Tribunal Económico-Administrativo do Concello de Ourense.

    Dende que no pasado mes de decembro a praza quedara vacante, Ourense en Común vén solicitando ao goberno que sexa substituída mediante un concurso público, e “non a dedo como quere facer o alcalde”. Segundo o voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, “é necesario acabar co enchufismo e estas vellas prácticas de libre designación. Calquera posto dentro da administración pública debería fixarse por baremos obxectivos, valorando os méritos profesionais que garantan a profesionalidade e imparcialidade futura na súa xestión”.

    É por esto que o grupo facía un chamamento, a principios deste mes de maio, para recibir currículos e que a persoa que entre no cargo “sexa realmente a que mellor se axuste ás necesidades do traballo”.

    O Tribunal Económico-Administrativo Municipal é o órgano especializado para o coñecemento e resolución das reclamacións económico-administrativas do Concello de Ourense. Martiño Xosé Vázquez explica que o da Secretaría do Tribunal “é un cargo sensible”, xa que as súas funcións inclúen a tramitación de expedientes de reclamacións económico-administrativas, a redacción de resolucións, ou o arquivo de libros de rexistro e actas, e conclúe que de ser designado “a dedo” polo alcalde, será “susceptible de que o traballo estea condicionado para ir cara onde o goberno quere, e non cara ao interese xeral do Concello”.