Ourense en Común presenta dez alegacións á nova RPT
4 Abril, 2018
0
•    Un informe revela “erros, irregularidades e ilegalidades” nun documento que debera aprobar o Pleno e non a Xunta de Goberno Local como pretende o PP, e reflectirse nos orzamentos.
•    A análise foi contratada por OUeC a un equipo de expertos en Economía Aplicada e consultoría institucional.
•    Martiño X. Vázquez prognostica un “aluvión de alegacións” a unha RPT que “perpetúa o sistema caciquil e regulariza os enchufes practicados durante anos”.

        Ourense en Común presentaba no día de onte dez alegacións á nova Relación de Postos de Traballo do Concello de Ourense, en base a unha auditoría contratada polo grupo a un equipo de técnicos.

    O informe de 80 páxinas no que se basearon as alegacións presentadas polo grupo, deixa en evidencia o “interese premeditado” do Partido Popular en aprobar unha RPT coa que “perpetuar os centos de enchufes practicados durante anos no Concello de Ourense”.

    As alegacións presentadas inclúen reparos ao órgano competente para aprobar a propia RPT, que “debera ser o Pleno como no caso dos orzamentos”, e non a Xunta de Goberno Local como pretende facer o Partido Popular. “Pola incapacidade do goberno para negociar os orzamentos, pretenden usar a XGL como órgano para modificar as condicións dos traballadores do Concello de Ourense, cando isto supón un impacto económico nos propios orzamentos, que deberán reflectir os créditos correspondentes para cada posto de traballo”.

    O grupo alega tamén que non exista un organigrama que vertebre esta RPT, que é “unha mera relación de servizos e postos, sen un sentido organizativo que busque a eficiencia dos recursos humanos do consistorio”.

    Sobre as fichas de persoal, o informe redactado polos expertos en materia económica e política institucional detecta na RPT “erros, irregularidades, incoherencias, arbitrariedades e incluso ilegalidades”, e ademais carece de trazabilidade no tocante a cal é a situación actual e como quedaría despois. “Cantos postos de traballo estaban aprobados, cantos quedan, cantos postos da actual RPT se amortizan, cantos se modifican?, cantos postos novos se crean?, cantos están vacantes?, como pensa tratar o Concello os postos de traballo en fraude de Lei?”, cuestionaba esta mañá Martiño X. Vázquez en rolda de prensa.

    As alegacións do grupo inclúen ademais reparos aos criterios de valoración, “en cada posto aparece unha puntuación sen saber as razóns polas que a ten”, ás relacións laborais dos postos de traballo, que “consideran persoal laboral postos de xardineiro ou de oficial mecánico, namentres se deixan fóra cargos como o de operaria de cemiterios ou ludotecaria”, ou ás retribucións básicasen postos de categoría A-1 non se require ningún tipo de formación, namentres a postos de categoría Agrupación Profesional, sen formación oficial regrada, se lle esixe a ESO”.

    O grupo conclúe que a RPT aprobada polo equipo de Jesús Vázquez “é un inventario de postos deseñado a medida para regularizar unha situación irregular, para manter unha rede clientelar e a estrutura de poder que afunde Ourense”.