Ourense en Común promove solucións á dobre fila na contorna do colexio dos Rosais
27 Febreiro, 2018
1
• O cambio a aparcamentos en batería na rúa José Antonio Nieves Conde, duplicaría as prazas e pacificaría o tráfico na contorna do Colexio Público Amadeo Rodríguez Barroso e o Parque Anxelita Paradela.
• A moción traslada o sentir da comunidade docente e das nais e pais do alumnado do centro educativo.
• A proximidade desta rúa ao Complexo Hospitalario provoca grande demanda de estacionamento e aglomeracións de vehículos estacionados en dobre fila, disparando o risco de atropelos.

    Ourense en Común levará o venres ao debate plenario a situación da rúa José Antonio Nieves Conde, no tocante á configuración do aparcamento e para a redución da velocidade na rúa.

    O vial, de dous carrís, que transcorre paralelo ao Parque Anxelita Paradela, entre as rúas Serra San Mamede e Carlos Velo, foi deseñado inicialmente con dobre sentido de circulación e aparcamentos en liña, e recentemente cambiado a un único sentido de tráfico, sen mudar a distribución dos aparcamentos. O grupo apunta a que “se converteu nunha avenida de dous carrís sen ter en conta a contorna residencial e escolar na que se ubica, sen redutores de velocidade e sen considerar que a funcionalidade única desta rúa é a de aparcar”.

    A moción faise eco das demandas da comunidade docente e dos pais e nais do alumnado do Colexio Público Amadeo Rodríguez Barroso, que solicitan que se pase do actual modelo de aparcamento en liña a outro en batería diagonal; unha medida que duplicaría as prazas, poría solución á dobre fila e beneficiaría ás usuarias do centro educativo e tamén ás do Complexo Hospitalario de Ourense.

    O grupo fai fincapé na necesidade de aumentar a seguridade viaria en toda a contorna do centro educativo e do Parque, introducindo elementos físicos para a redución da velocidade. “Solo o estreitamento da rúa derivado do cambio a aparcamento en batería que propoñemos, faríaa máis lenta e segura”, conclúe Martiño X. Vázquez.

Imaxe: Estado actual da rúa.

Deixa unha resposta

1 comment

  1. PAREceme unha boa idea pero qué pasa ca ponte de ferrocarril o final da mesma rua? A da vía do tren? Nin beirruas nin nada de nada!! Sempre nenos e nenas, persoas maiores, carriños de nenos/as teñen que invadir a calzada. Creo que e un punto moi conflictivo. Espero que tamen o digades. Un saudo