Ourense en Común promove un cambio de nome para a praza Alférez Provisional
20 Novembro, 2017
0
• O grupo suxire o nome do arquitecto ourensán Vázquez-Gulías para esta praza na que se ergue a obra máis representativa do modernismo da cidade, a Casa Taboada.
• Dez anos despois de entrar en vigor, Ourense incumpre a Lei de Memoria Histórica e mantén aínda numerosos vestixios da ditadura franquista.
• Unha moción do grupo fixo que o Concello de Ourense retirara a medalla de ouro da cidade outorgada en 1946 ao ditador.
• O goberno popular non deu cumprimento aínda á moción de OUeC aprobada no pleno para a retirada de símbolos da Falanxe e do ministerio de vivenda franquista en diferentes edificios da cidade.

    Coincidindo co 42º aniversario da morte do ditador Francisco Franco, Ourense en Común manifestábase hoxe sobre a necesidade de “acabar definitivamente coas moitas manifestacións que en Ourense aínda se manteñen do réxime, e avanzaba que levará ao próximo pleno de decembro unha moción promovendo o cambio de denominación da Praza Alférez Provisional.

    O grupo insiste no fundamental de cumprir coa Lei de Memoria Histórica e de seguir a evolucionar”, explicando que “a ninguén se lle ocorre seguir chamando General Franco a Progreso ou Capitán Eloy a Concordia”. Entenden que esta praza é “outro vestixio franquista que debeu eliminarse do noso rueiro hai tempo e conclúen que “calquer demócrata debera entender que non ten sentido seguir chamándolle Alférez Provisional” a un espazo que valoran como idóneo” para homenaxear á figura de Vázquez-Gulías, “antes de que a Casa Taboada”- que se erixe na praza-, “se perda definitivamente no abandono e a ruína na que se atopa”, e aproveitando o expediente de honra a favor do ilustre arquitecto aprobado recentemente no Concello.

    Malia a suxerir o nome de Gulías, o grupo deixa aberta a elección” do novo nome para este espazo, e aposta por que sexa a propia veciñanza de Ourense quen o decida mediante un proceso participativo”.

    O grupo continúa con esta moción a súa cruzada por unha rexeneración democrática real apremiando á “desaparición dos símbolos fascistas das rúas e espazos de Ourense”, como xa fixeran levando ao pleno a retirada das placas franquistas en vivendas, apuntando a que “o Concello aínda non cumpliu con ese acordo plenario” e  lembrando que “tivemos que chegar nós ao Concello para que se retirara a medalla da cidade outorgada ao ditador hai corenta anos.

    Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, lembraba hoxe a Francisco Franco como o “responsable da época máis triste da nosa historia e de sumir durante 4 décadas a este país na máis terrible escuridade de represión, medo e morte” e avoga por “continuar construíndo un novo relato do pasado onde se poñan en valor ás e aos demócratas e non a quen fixo, apoiou e foi sustento do réxime”.