Ourense en Común promove unha mesa de diálogo para desbloquear o Transporte Metropolitano
2 Abril, 2018
0
•    A aprobación do Plan de Transporte estaba prevista para 22 meses despois da entrada en vigor da Lei, un prazo que vence neste mes e que o PP vai incumprir.
•    130.000 residentes en Ourense e os concellos limítrofes continúan á espera dun transporte  público metropolitano que permita conexións sustentables co territorio.
•    O casco urbano da capital asume unhas 300.000 viaxes diarias motorizadas, que conxestionan as rúas e derivan en ruído e contaminación.

    Ourense en Común levará ao pleno o próximo venres a petición para acometer “coa máxima premura os traballos necesarios para que as necesidades da área metropolitana de Ourense estean presentes na elaboración do Plan de Transporte galego.

    O grupo critica de novo as deficiencias na mobilidade do Concello, un problema “enquistado pola inoperancia do equipo de goberno do Partido Popular”, malia a ser tantas veces debatido no salón de plenos municipal a iniciativa dos diferentes grupos da oposición.

    Martiño X. Vázquez, voceiro da formación, explica que o transporte metropolitano para a comarca de Ourense “segue a ser unha utopía despois de lustros sendo demandado por máis de 130.000 residentes nos concellos de Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Punxín, Pereiro de Aguiar, San Cibrán das Viñas e Toén. “Somos a única área metropolitana que non conta con este servizo indispensable para atallar os graves problemas de mobilidade que sufre a capital”.

    Estando a piques de vencer o prazo de vintedous meses que a Lei 10/2016 de Medidas Urxentes para a Actualización do Transporte Público establecía para a aprobación do Plan de Transporte de Galicia, o grupo considera este momento como transcendental” para a veciñanza de Ourense,para que o Transporte Público dea respostas concretas e efectivas a unha necesidade histórica do noso territorio”.

    É por isto que o grupo incide na necesidade de “ligar o debate local coa urxente actualización do Plan” de Transporte Público a escala galega, “garantindo a participación e o diálogo social, e fixando a optimización do servizo en base a criterios de rendibilidade social, sustentabilidade, transparencia e necesidade”. Martiño Xosé conclúe que “temos a oportunidade e a responsabilidade de que este programa sexa froito dunha planificación integral estratéxica da mobilidade”.