Ourense en Común promove unha mesa participativa para avaliar a situación do comercio e as prazas de abastos
19 Abril, 2017
0
•    O primeiro encontro celebrarase mañá xoves, ás 19h30, no Espazo en Común.
•    O debate abordará a rehabilitación da praza de abastos das Burgas, a reapertura da praza da Ponte ou o descontrol das terrazas na cidade.
•    Estarán presentes praceiros, comerciantes, xuristas e calquer veciña que desexe participar.

    Ourense en Común pon este xoves en marcha unha mesa de traballo aberta á participación, para avaliar a situación na que se atopa a xestión comercial da cidade co goberno de Jesús Vázquez, que retrasa a rehabilitación da praza de abastos das Burgas, non é quen de reaperturar e xestionar a da Ponte, mantén sen concesión as cafeterías municipais en varios parques, pechados os kioskos, consinte irregularidades no Matadoiro, e asume que as terrazas están “fóra de toda regulación”, como o propio alcalde admitía esta semana.

    Na primeira reunión, que se celebrará mañá ás 19h30 no Espazo en Común das Burgas, ademáis da asistencia do concelleiro do grupo adicado a esta área, Miguel Doval, está xa confirmada a participación de praceiros, comerciantes e xuristas. O grupo convoca ademais a participar a calquera veciña con vontade de aportar ideas e críticas que conformen un documento plural e social para traballar na mellora das políticas de comercio no Concello.

    Con este encontro, o grupo continúa a liña de participación aberta en materia de comercio que xa iniciara no mes de febreiro de 2016, cando coa colaboración diferentes colectivos da cidade, hostaleiros, Policía Local, e veciñas, presentaba achegas colectivas ao borrador da ordenanza de veladores, “que o desgoberno de Jesús Vázquez segue sen tramitar máis dun ano despois”.