Ourense en Común proporá en pleno un acordo da corporación para unha segunda exposición pública do PXOM
24 Setembro, 2015
0

O grupo municipal Ourense en Común considera que a aprobación do PXOM debe contar coas máximas garantías de transparencia e participación cidadá.

“Estamos perante un documento que marcará o destino de Ourense nas dúas próximas décadas, razón pola que a súa aprobación debe contar co maior consenso social e con todas as garantías posibles”. Con esta afirmación Ourense en Común quere deixar clara a súa posición con respecto aos debates xurdidos nas últimas semanas con motivo da posible anulación do ordenamento provisional: “A urxencia derivada dunha eventual caída do ordenamento provisional non pode servir de pretexto para aprobar un plan sen unha segunda exposición pública”.

Ourense en Común presentará unha moción no pleno ordinario do próximo venres na que demandará un acordo da corporación para garantir que o novo PXOM conte coa maior participación cidadá posible. Entre outras propostas, este grupo solicitará a creación dunha comisión de seguimento ampla, campañas de información específica por barrios e unha segunda exposición pública: “entendemos que despois das 6000 alegacións presentadas o documento resultante non será o mesmo que o exposto inicialmente, polo que é obrigada unha nova fase de alegacións públicas antes da súa aprobación definitiva”.