Ourense en Común reclama o centro de saúde do Vinteún
29 Novembro, 2017
0
• Oito anos despois de iniciarse os trámites para a construcción do equipamento, o estado de execución é do 0%.
• O centro de saúde da Ponte está colapsado atendendo a un cuarto da poboación do Concello.

    Ourense en Común leva este venres ao pleno de Ourense a construcción do “necesario” centro de saúde do Vinteún, “unha demanda histórica do barrio e unha promesa de máis de oito anos, xa que fora en febreiro de 2009 cando se abrira o expediente para a redacción do proxecto básico e de execución do equipamento. Desde entón, o expediente superou en 2013 un contencioso administrativo contra a licenza de construción, e nada se avanzou nos últimos anos.

    A petición de Ourense en Común, o Grupo Parlamentario de En Marea interpelaba o pasado 17 de outubro ao goberno da Xunta sobre “as razóns da demora, e as previsións para executar o centro de saúde”,  ao que a Consellería de Sanidade respondía dicindo que era “responsabilidade municipal”.

    Foi por isto que Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, levou a cuestión á Xunta da Área de Urbanismo e Vivenda celebrada o 24 de outubro, recoñecendo o concelleiro responsable, Jesús Cudeiro, “descoñecer a responsabilidade municipal da que fala a Consellería”.

    Ourense en Común entende que “este desleixo” administrativo debe ser “inmediatamente reparado, apelando ao Partido Popular a comprometerse coa saúde pública e intervir para resolver este bloqueo e dotar ás veciñas do Vinteún dunha atención sanitaria no seu barrio.