Ourense en Común recolle este sábado a voz do barrio da Ponte
2 Febreiro, 2018
0
• Entre as 12h e as 14h a veciñanza da Ponte terá ao seu dispor unha cámara e un micro para denunciar e propor melloras para o barrio.
• O pleno aprobou hoxe unha proposta do grupo para poñer en valor a historia do barrio, coa creación dun “Museo de Canedo” no que poidan conservarse os restos do extinto Concello.

    Unha cámara percorre a cidade. As veciñas toman a palabra. Que lle pasa ao barrio? Está vivo o barrio? Como podemos melloralo? E se ti foses alcaldesa de Ourense, que farías polo teu barrio?

    Ourense en Común comezará este sábado a dar continuidade, no barrio da Ponte, ás accións de rúa que xa celebrara en 2015, e nos próximos meses irá percorrendo a cidade facilitando a participación activa da veciñanza,cedéndolles a palabra para comunicar, denunciar, aconsellar, e compartir as súas opinión acerca do espazo da cidade onde habitan”. O grupo quere fomentar a idea duns “barrios vivos, con espazos para o encontro nas rúas e prazas”.

    A campaña consiste na instalación dun espazo efémero, durante dúas horas, no que unha cámara de vídeo e un micrófono estarán á disposición das veciñas e veciños, para exercer o seu dereito de libre opinión e xenerar debate.

    A primeira parada desta campaña celebrarase este sábado, entre as 12h e as 14h, no inicio da Ponte Vella, na marxe de Canedo.