Ourense en Común recolle este xoves as demandas do barrio de San Francisco
23 Maio, 2018
0
• A veciñanza poderá denunciar e compartir a súa visión do barrio mañá, desde as 20h, no cruce entre Pena Trevinca e Pena Corneira.
• O grupo visitou anteriormente A Ponte, O Couto e o Posío, convertindo a voz da rúa en mocións plenarias para a mellora dos barrios.
• Na visita, farán tamén unha simulación da “barreira infranqueable” que se prevé coa entrada do AVE cruzando Ourense.

    Ourense en Común continúa mañá xoves coa campaña “A voz do barrio”, coa que está percorrendo a cidade facilitando a participación activa da veciñanza, “cedéndolles a palabra para comunicar, denunciar, aconsellar, e compartir as súas opinión acerca do espazo onde habitan, e cuxas demandas se convirten logo en iniciativas que o grupo está levando ao Pleno Municipal.

    Logo de visitar A Ponte, O Couto e a contorna do Posío nos meses recentes, farán este xoves parada en San Francisco.

    Unha cámara de vídeo e un micrófono estarán á disposición das veciñas e veciños desde as 20h no encontro entre as rúas Pena Trevinca e Pena Corneira, para que quen así o desexe, poida exercer o seu dereito de libre opinión e xenerar debate sobre o barrio. O grupo quere fomentar con esta campaña a idea duns “barrios vivos, con espazos para o encontro nas rúas e prazas”.

    A visita servirá tamén para facer unha simulación da  “grave fenda” coa que os muros do AVE  “van ferir á cidade cunha barreira infranqueable que dividirá barrios enteiros, un deles este de San Francisco”.