Ourense en Común recolle propostas de mulleres ás que homenaxear no rueiro
10 Xaneiro, 2018
1
• Coa moción do grupo aprobada en abril de 2016 o Concello abriu á cidadanía un proceso participado ata o 20 de febreiro.
• O Espazo en Común nas Burgas acolle desde as 20h deste xoves unha mesa de traballo para documentar figuras femininas da historia de Ourense.
• OUeC quere saldar a débeda histórica con moitas “mulleres invisibles aos ollos dunha sociedade machista”.

    Ourense en Común celebra este xoves un encontro aberto coa intención de recoller nomes de mulleres, “e dignificalas no espazo público”.

    Tras aprobarse no mes de abril do pasado ano, con unanimidade de toda a corporación, a moción na que Ourense en Común solicitaba “socializar a igualdade de xénero visibilizando no rueiro ás mulleres da nosa historia”, o Concello abría o pasado 19 de decembro o proceso de participación veciñal para a presentación de propostas de nomes de mulleres “para que entren a formar parte do patrimonio urbanístico da cidade”.

    O grupo tén a intención de facer as súas propias achegas a este proceso, e é por isto que convoca para este xoves, unha mesa da traballo participada co fin de “pescudar no coñecemento e a memoria colectiva,  documentando mulleres relevantes e fitos na loita feminista, que deban trascender e visibilizarse nun símbolo como o rueiro”, explica Ledicia Piñeiro.

    A cita será mañá ás 20h da tarde no Espazo en Común das Burgas, e nela está xa confirmada a presencia de colectivos feministas da cidade, que “de seguro aportarán información de grande valor”.

Deixa unha resposta

1 comment

  1. Sen dúbida unha actuación de xustiza para coas mulleres, subordinadas ao xénero masculino ao longo dos séculos. Estaría ben que os novas rúas con nome de muller tamén se extendan a espazos con denominacións imprecisas, ou carentes de relevancia. Un exemplo é a rúa Concello ou Concejo, tan céntrica, tan importante como iinsulso e confuso é o seu nome. Traballo nesta rúa, e con demasiada frecuencia debo aclarar aos meus interlocutores a que me estou a referir, é dicir, a unha rúa, no canto da Institución Municipal. SAúdos e parabéns pola iniciativa.